Na Xunta de Goberno celebrada onte foron aprobados os plans de accesibilidade dos concellos de Paradela, O Incio, Cervantes, Pobra de Brollón e Pol. Estes cinco concellos veñen a sumarse aos outros 35 que xa contaban con dito plan. Mentres tanto estase redactando o de Bóveda e quedan pendentes de adxudicación os de Meira e de Samos. Tamén se acordou a adxudicación definitiva de cinco proxectos de conservación e reparación de vías nunha vintena de municipios da provincia por importe de dous millóns de euros. Con carácter de urxencia acordouse tramitar ante a Consellería de Traballo as axudas para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local.
Críticas do Partido Popular
O voceiro adxunto do PP na Deputación, José María González Barcia, advertiu onte da preocupación existente nos concellos pola insinuación do presidente deste organismo sobre a transferencia aos concellos de parte da rede viaria provincial. Manifestou ademais que o BNG está usando a Deputación e os cargos institucionais de xeito partidista, en referencia a unha carta remitida por Bao, con membrete da Vicepresidencia da Deputación e mención ao grupo provincial nacionalista.