A TRIBUNA | O |
21 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.É unha oportunidade, outra máis, de recuperar parte desa credibilidade tantas veces dilapidada. Moitos dos anteriores xa están nas mans implacables da Historia. Agora chegou o turno dos novos, sen perder de vista a responsabilidade dos que continúan da etapa anterior, pero apeados do pedestal que ocuparon durante tantos anos. Cada quen dende o seu posto, pode aportar máis dun grao de area, sen perder de vista que están en institucións que rixen os destinos de comunidades máis grandes que esta súa Mariña. Xogan con doble ventaxa: coñecen as fortalezas e debilidades da comarca e agora teñen a oportunidade de facer algo por ela, por eles, por nós. A maioría, por non decir todos, débense, cando menos en parte, ao electorado da Mariña, pois foi aquí donde naceron e medraron na vida pública. Sen esquecer que as súas competencias abranguen territorios máis amplos nin que se deben a todos, a casi ninguén se lle escapa que quen se preocupa do máis próximo poderá ollar con máis amplitude o máis lonxano, máis cando procede dunha bisbarra tan distante de todo como esta nosa. ¿Que poden facer desde os seus respectivos cargos se pensan en clave mariñán? ¿Lembrarán todos os esquecementos dos que mil e unha veces culparon aos seus rivais? ¿Tratarán de poñer remedio ás reivindicacións polas que levan anos clamando? ¿Serán quen, opositores e gobernantes, de relegar os intereses partidistas para procurar o máis unidos posible esas melloras que din querer para a súa comarca? Moitas incógnitas que estes mariñáns de pro, os partidos políticos aos que pertenecen e o tempo acabarán despexando. Máis tarde ou máis cedo, sometéranse ao xuizo da Historia. A bo seguro, a maioría xa pensaron como lles gostaría que se recordase o seu paso pola vida pública. Outra cousa é como realmente serán lembrados. En calqueira caso, as expectativas marcaronnas eles, eses políticos que nas campañas electorais puxeron o listón tan alto. Tócalles cumprir. Non estaríamos tan mal, como din cando non lles toca gobernar, se fosen quen de facer realidade a utopía dun lobby mariñán con xente do PP, PSOE e BNG.