Labrando un futuro

XOSE M. PALACIOS

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

10 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

SOMOS CADA vez máis urbanos, faltaría máis: usamos o automóvil para desprazamentos duns centos de metros, falamos polo teléfono móbil cos amigos que imos ver dentro duns minutos e facemos no supermercado a compra de toda a semana. A un parécelle que neses costumes non hai nada esencialmente bo ou malo senón trazos da sociedade do século XXI, pero atopa unha pequena incoherencia: viaxemos mentalmente polo Occidente de Asturias e pola Mariña, e veremos a todos os Concellos agrupados en asociacións que xestionan fondos de desenvolvemento rural. O campo é ese escenario onde se rodan fermosos anuncios publicitarios e onde están esas casas de turismo rural que nos acollen cando queremos liberar o estrés. Pero tamén é, ou debería ser, o lugar onde os labregos, coidando vacas ou porcos e plantando patacas ou repolos, fan un traballo igual que outros son funcionarios ou comerciantes. E un confesa que non sabe se as pequenas granxas, como pide o Sindicato Labrego Galego na páxina 5 da edición da Mariña, teñen aínda posibilidades; pero está certo de que o campo necesita xente e opcións de futuro. ¿Ou vai haber turismo rural para todos?