A TRIBUNA | O |

15 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

AS AUTORIDADES non teñen dúbidas. A mellor maneira de atallar a siniestralidade viaria é endurecer as normas e multiplicar as sancións. Aténdose estrictamente a esa premisa, podería concluirse que os accidentes de tráfico disminuirían de xeito proporcional á capacidade gubernativa para amedrentar ós conductores con penas cada vez maiores polas conductas irregulares. Teñen razón. Sobra xente que confunde a licencia de conducir coa de matar. Abondan individuos que liberan os seus complexos de inferioridade ó volante. Perigos públicos, bombas de reloxería sempre cargadas que alegremente poñen en perigo vidas alleas porque as propias nin para eles valen ren. Mais as autoridades esquecen, ou non lles interesa ver, un factor clave na realidade que teñen a misión de ordenar. E non imos falar hoxe das intolerables deficiencias de moitas das nosas estradas, senon duns cuadrúpedos inocentes e irracionais que habitualmente as invaden na busca de mantenza. De súpeto, no medio dunha curva ou da brétema, cabalos ou vacas mostrencas poñen en perigo ós automovilistas. De dono coñecido, se provocan un accidente, ¡premio para quen o atope! ¿Que fan as autoridades, non só as de tráfico, para protexer ós automovilistas dos animais que convirten á Gañidoira nunha trampa mortal? ¿Non hai sancións para asustar ós donos desas bestas ou ós responsables do mantimento das estradas e da seguridade viaria?