A TRIBUNA | O |
21 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A XENTE NOVA vota ó BNG, e os vellos, ó PP. O que non teña dito, pensado ou escoitado esa frase algunha vez nos últimos catorce anos -lembren o ascenso electoral do BNG nas autonómicas de 1989- que tire a primeira pedra. Pero todo cambia, mesmo os tópicos, porque cada vez hai menos novos e máis vellos, algo que xa nin sequera ignora o BNG: non hai moito tempo, xa na recta final deste mandato municipal, o pleno de Mondoñedo aprobou unha moción na que o BNG pedía a realización de xestións para a construcción dunha residencia da terceira idade. Por exemplo, os ascensos e descensos de votos que tivo a esquerda nacionalista en Mondoñedo nas recentes eleccións municipais -dous concelleiros en 1991, tres en 1995, catro en 1999-, ¿débense a súpetos terremotos na pirámide de poboación ou ás diferentes opinións que tivo a xente sobre o traballo deses representantes? En calquera caso, a división dos votos en función da data de nacemento case ten algo de máxico: ¿seica non teñen idade os que votan ó PSOE? Sigamos con tópicos. A esquerda gaña nas zonas dinámicas, e o PP, nas menos adiantadas. Esta idea xa é algo máis antiga cá que identifica os votos galegos segundo os anos dos votantes, pero tamén admite dúbidas. ¿Ten máis dinamismo Foz que Burela? ¿É igual a política municipal de Taramundi cá de Barcelona? Misterios do columnismo político. Máis tópicos. O turismo de sol e praia xa non é o que era, porque agora todo o mundo quere ver museos nas súas vacacións. Se isto segue así, comprar unha crema solar acabará sendo un acto clandestino e os morenos serán vistos con desprezo cando vaian pola rúa. ¿Que opinarán disto algúns estranxeiros que empezan a tomar o sol nesta comarca?