Meterseen política

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

11 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NON METERSE EN política é ben doado e ten as súas vantaxes, non hai dúbida. Abonda con ignorar, esquecer ou mirar para outro lado en determinados momentos nos que lles conveña a algúns. Pero meterse en política ten tamén algunhas consecuencias favorables, que aínda que non agraden tanto ós poderes, amosan a capacidade de reacción dunha sociedade: por exemplo, a posición de España na guerra contra Iraq pode ter sido moi favorable para supostos cálculos do goberno, ou así se insinuou; pero se houbese que buscarlle unha característica, resultaría máis significativa a gran cantidade de mobilizacións de protesta cá forza dos seus beneficios xeoestratéxicos. Xa se verá se tras estas reaccións sociais, que mesmo atoparon resposta cidadá na nosa comarca, aparecen novas actitudes públicas; pero non é nada malo que a xente se interese por algo máis có próximo gañador da Liga de campións ou os personaxes que se converten en ídolos mediáticos por diciren parvadas na televisión. Pensando no futuro inmediato da Mariña, ese que se decide o 25 de maio, ¿haberá maior interese da xente durante a vindeira campaña electoral? ¿Aumentará a participación? ¿Medrará a abstención? ¿Subirán os votos en branco?Cousas da política, claro.