Cando o mundo non era, como agora, un vindeaver e o zapateiro ía aos seus zapatos, existía o caixista de imprenta, un oficial rigoroso, que, co mimo dun ourive, ía compoñendo as páxinas do libro na galera, «picando», é dicir, collendo, os tipos de chumbo do chivalete ou armario tipográfico.
Coa invención da autoedición, aló polos 80, armouse a mundial e coa emerxencia da comunicación dixital xa nin lle conto. Eu non vou discutir as bondades dos procesadores de texto. Pero a invasión directa do autor no proceso editorial foi algo funesto. As présas, a impericia mecanográfica, o descoñecemento das boas prácticas tipográficas, a posibilidade de corrixir o texto ad infinitum… están detrás de textos desastrosos, que chegan á mesa de edición cheos de erros, incoherencias de todo tipo e ata disparates inenarrables.
E, por riba de todo, queda o pesadelo das erratas. Os romanos, que tiñan latinajo para todo, puxeron por proverbio a máis elemental aceptación da fraqueza humana: errare humanum est (sentenza que, entre parénteses, é a panacea de todo canto inútil campa polos máis variados eidos da actividade laboral).
A errata, de feito, naceu coa imprenta: Codex spalmorum no canto de Codex psalmorum pode lerse no colofón do Salterio de Maguncia, unha colección de salmos bíblicos impresa en 1457 por dous axudantes de Gutenberg no seu propio obradoiro.
E, como meter o zoco é consubstancial á nosa pobre condición, hai erratas de todo tipo: poéticas («mar adentro de tus ojos» por «más adentro de tus ojos»), chuscas («Yo siento un fuego atrás que me devora» por «Yo siento un fuego atroz que me devora»), paradoxais («cordiais sañudos» por «cordiais saúdos») ou francamente escatolóxicas («Vergas de chumbo» por «Verbas de chumbo»).
Porén, que en dúas liñas, e máis se están chamadas á perpetuidade, se acumulen dous errores é simplemente impresentable. Luís Cernuda Bidón (til no í, incorrecta en castelán), 1902- 1963 (espazo incorrecto tras o guión) pode lerse na placa que o concello de Sevilla acaba de dedicar nunha céntrica rúa ao vate. E é que o amor pola obra ben feita non se concilia cos tempos que corren.