José Ramón González Juanatey, cardiólogo: «Eu son un produto do sistema público»

AL SOL

Carmela Queijeiro

Acaba de chegar de Panamá e ten por diante outras viaxes por cuestións profesionais, pero sempre volve ao seu paraíso particular de Portosín: «Aquí síntome protexido»

13 ago 2026 . Actualizado a las 11:26 h.

Foi xefe de Cardioloxía do CHUS, expresidente da Sociedad Española de Cardiología, é catedrático da USC e autor de máis de 700 publicacións científicas. Estas son tan só algunhas das referencias do currículo de José Ramón González Juanatey (Noia, 1956) e abondan para facerse unha idea de é que alguén moi ocupado. Este verán estará especialmente atarefado con viaxes ao estranxeiro, porén aproveitará estes primeiros días de agosto para desconectar no seu paraíso de Portosín.

—Que tal está a ir o verán?

—Está indo moi ben, un pouco ocupado porque teño aí unhas viaxes, máis do que é habitual. Acabo de chegar de Panamá, do Congreso Interamericano de Cardioloxía, en breve teño que ir a Bos Aires a outro congreso... E o proceso da elección de presidente da World Heart Federation obrígame de aquí a outubro a viaxar máis fóra de España.

—Non son viaxes de pracer entón.

—Sempre teñen unha parte de coñecer outros sitios, volver a ver a amigos e colegas e intento que sexa algo máis que a cardioloxía, pero non son vacacións. Pero nestas primeiras semanas de agosto si que estarei aquí un pouco máis relaxado e aproveitarei para facer máis deporte.

—A que dedicará estes días en Portosín?

—A correr, a facer exercicio e a facer rutas. Hai unha ruta que o ano pasado case palmo e dixen que non o ía facer máis, pero vou intentar repetila. Comeza aí enfronte [sinala dende a terraza da súa casa], antes de chegar ao Freixo, e hai que subir ao Tremuzo, ir por Paxeiras ata a base da Moa, subir á Moa e baixar ao Pindo. Son aproximadamente 40 quilómetros. Farei algunha ruta máis, unha que me gusta moito é unha etapa do Camiño de Santiago desde Vilafranca do Bierzo ata o Cebreiro e outra pola Ribeira Sacra dende Santo Estevo de Ribas de Miño. E logo vivir máis coa familia, cos amigos e algo de gastronomía.

—Como de importante é levar unha vida activa?

—Creo que a gran mensaxe, se alguén quere prolongar a lonxevidade, entendida como manter as funcións intelectuais, as funcións cognitivas e as funcións físicas o máis estables posible durante o maior tempo posible, o mellor consello é o exercicio. Iso sempre. E a partir de 40-45 anos incorporar exercicio de forza, porque o que máis nos protexe fronte a enfermidades cardiovasculares e cancro é o músculo. Se un quere manterse activo o maior tempo posible que non fume, que controle a súa dieta e sobre todo que incorpore o exercicio.

Juanetey, lendo na súa terraza
Juanetey, lendo na súa terraza CARMELA QUEIJEIRO

—É futboleiro? Viu o Mundial?

—Si, e por suposto celebramos tódolos partidos. Eu nunca lle vin xogar a España como xogou contra Francia. O partido de Arxentina tamén. Creo que é un bo exemplo porque a selección non ten grandes estrelas, pero é o que debe ser un equipo: todos saben que facer, traballan en conxunto e aí está o éxito. A final vímola aquí na casa, con moitos amigos, pasámolo en grande.

—Dixo nunha ocasión que estar en Portosín era como estar a 5.000 quilómetros dos problemas, que ten este lugar?

—Pois non o sei, pero dende que de pequeno viñamos á praia sempre me gustou Portosín. Isto é como desconectar, é como se os problemas quedaran noutro lugar. Teño un entorno fantástico para esa desconexión. Este é un lugar onde me sinto protexido e iso é moi bo, ter un lugar onde tes seguridade, onte tes confianza, que te protexe.

—Sobre todo cando se teñen tantas responsabilidades...

—Bueno, son responsabilidades que van ao longo da vida profesional. Eu son un produto do público, sempre digo que son un produto da educación e da sanidade pública, que son o maior logro social que hai neste país e temos que mantelo entre todos.