Mighello Blanco: «O nudismo non só é algo físico»

AL SOL

O intérprete repite como malvado na segunda temporada de ?La reina del sur?

18 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Está a ser un verán especial para Mighello Blanco (Cangas do Morrazo, 1973). Os proxectos profesionais levárono ao outro lado do charco. Só unha serie con Kate del Castillo podía ser quen de separalo de Aisha, unha cadeliña que é para el a mellor compañeira. Máis coñecido como o sarxento Diego Bazán por Serramoura, prepara en Bogotá a segunda entrega de La reina del sur.

-Que tal se leva o verán nunha mega urbe do Caribe?

-Pois o que peor levo é o clima! En Bogotá temos as catro estacións nun día. Aquí chámanlle o outono perpetuo.

-En Galicia tamén está un pouco revolto o tempo.

-Si, algo me van contando!

-Gústanche os veráns na casa?

-Aproveito para facer pequenas viaxes, pero paso en Cangas a maior parte do tempo.

-Algunha terraza por alí que nos recomendes?

-Se estivera alí, almorzaría en El bribón de la Habana. Está no paseo marítimo. Encántame ir a primeira hora, cando non hai turistas en Rodeira.

-E unha praia?

-Temos moitas! Gústame especialmente a de Barra.

-Nudista, verdade?

-Si, pero é que o nudismo non só e algo físico. Ademais, non teño que secar o traxe de baño ao saír da auga.

-Pinta ben a segunda entrega da serie inspirada no libro de Arturo Pérez-Reverte?

-Creo que vai ser unha gran serie. Emitirase en Netflix e en Telemundo, que ten canles por toda Sudamérica e en Estados Unidos. A rodaxe é espectacular. Comeza en Rusia e tamén hai escenas en Italia, Málaga, México, EE.UU. ou Belice. Pérez-Reverte está ao tanto do guión. Foi clave para que Kate del Castillo participe. El non escribiu unha segunda parte do libro.

-Volves coincidir con Kate. Como é traballar con ela?

-É unha muller moi enérxica. Levántase tódolos días unha hora antes da rodaxe para adestrar co seu preparador físico.

-Interpretas á mesma personaxe. De heroe de ‘Serramoura’ a malo. Como cambia a cousa!

-Con este bigote... como vou ser bo! [Sorrí]. Pásome o día pegando tiros. Fago de Siso Pernas, un narco galego. A verdade é que é máis divertido. Explorar o lado escuro das persoas pode ser sanador.

-Pódese desconectar traballando?

-Si, porque estar aquí tamén é estar un pouco de vacacións. Como non son protagonista, gravo dous ou tres días á semana. O resto do tempo podo gozar da cidade, e mesmo facer algunha excursión. Quero ir a Santa Marta e a Medellín.

-Vas de terrazas por Bogotá?

-Claro. Nos partidos do Mundial xuntabámonos tódolos actores españois para velos nalgunha terraza. Conto un segredo? Aquí era máis fácil estar da parte de Colombia ou de México pola calidade do seu xogo.

-Hai piña entre os intérpretes españois?

-Seremos uns 15 españois na segunda temporada. Galegos, só eu. Temos un grupo WhatsApp no que estamos Cuca Escribano, Eduardo Velasco ou Luisa Gavasa.

-Que botas máis de menos?

-A Aisha, a miña cadela. Quedou coa súa madriña. Houbérame gustado pasear con ela polos parques de Bogotá.