«A gaita vai á igrexa» abre o ciclo «Músicas a carón da Mosqueira»

La Voz

LUGO

Suso Vaamonde e Ernesto Campos recuperan espazos de incalculable valor cultural levando a música tradicional aigrexias e abadías.

14 ene 2010 . Actualizado a las 20:13 h.

«A gaita vai á igrexa», un recital de gaita e órgano de tubos que terá lugar o vindeiro luns 18 de xaneiro ás 20.30 horas na igrexa de Santiago A Nova, servirá para inaugurar unha nova edición do ciclo de música clásica Músicas a carón da Mosqueira. O concerto ofrecerano dous recoñecidos compositores e intérpretes galegos como son o gaiteiro Suso Vaamonde e o organista e multiinstrumentista Ernesto Campos, que a través deste recital recuperan espazos de incalculable valor cultural levando a música tradicional a auditorios tan singulares como as igrexas, as abadías ou as catedrais.

Sen máis aderezo cos seus instrumentos, estes dous músicos ofrecen un repertorio de música popular, tradicional e clásica. Os temas están arranxados polo organista Ernesto Campos, que con amenas explicacións fan desta proposta un espectáculo apto tanto para o público en xeral como para o auditorio máis esixente.

Entre as pezas que compoñen o repertorio que ofrecerán Vaamonde e Campos figura a Anterga Alborada de Ourense, a Marcha procesional de Pontevedra, a Muiñeira de Pontesampaio ou a Marcha do San Martiño.

A nova edición de Músicas a carón da Mosqueira presentárona onte representantes das institucións que conforman o convenio Lugo Cultural. En total celebraranse seis actuacións, entre as que figuran dende concertos novidosos ata a conmemoración dos oitenta anos do compositor e director galego Roxelio Groba, pasando pola presentación do novo disco da formación vocal Solo Voces.

Despois da actuación do vindeiro luns, o programa de concertos continuará o 22 de febreiro co trío de corda D'Anches; o 1 de marzo terá lugar un recital de guitarra clásica con Juan Ignacio Rueda; o 12 de abril o cuarteto Albeniz ofrecerá un concerto de corda; o 10 de xuño actuará a orquestra Rogelio Groba; e para rematar, o 13 de decembro, terá lugar a presentación do novo disco da coral Solo Voces, un traballo que estará dedicado integramente á cidade de Lugo, facendo unha panorámica da música vocal composta na provincia nos dous últimos séculos.

Todos estes concertos celebraranse na sede da Fundación Caixa Galicia e no Salón Rexio do Círculo das Artes.

Apoio a novos intérpretes

Unha das novidades máis destacadas da nova edición de Músicas a carón da Mosqueira é a incorporación dunha actividade complementaria, que pretende servir de apoio aos novos intérpretes lugueses, que, a partires do mes de febreiro, e cos seus diferentes conservatorios ou agrupacións, ofrecerán actuacións musicais de vinte minutos de duración os luns arredor das dúas da tarde na vidreira da Facultade de Veterinaria. Nesta actividade participarán, entre outros, o Conservatorio Profesional de Música de Lugo, a Escola Privada de Música Cantarela ou o Centro Autorizado Profesional de Música Galén.