Os concellos, prioridade dos 122 millóns de presuposto da Deputación

C. López

LUGO

30 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A 122.635.211,80 euros ascende o orzamento da Deputación de Lugo para o 2009, o que representa un incremento do 2,70% con respecto ao deste ano. Os presupostos, que serán aprobados no pleno desta tarde, foron dados a coñecer onte polo presidente e o vicepresidente primeiro do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro e Antón Bao, e pola delegada da Área de Economía, Regina Polín. Segundo informaron, o orzamento consolidado, é dicir, a suma da Deputación, Suplusa e o Inludes chega a 142 millóns de euros, xa que a Sociedade Urbanística Provincial terá un presuposto de preto de 18 millóns, o Inludes, 15, e a Fundación TIC 1,5 millóns.

Gómez Besteiro afirmou que «remataron na Deputación os orzamentos ficticios, non apoiados en plans serios» e definiu os do 2009 como «rigorosos, responsables e realistas, nos que se teñen en conta os criterios e variacións marcados no Plan económico financeiro 2008-2011, aprobado o pasado mes de xullo». Pola súa banda, Regina Polín dixo: «Fixemos os deberes e fixémolos antes das vacacións. Fomos quen de aprobar o plan en xullo e non ter que agardar a setembro, co que se lle dá credibilidade e responsabilidade tanto aos orzamentos como a esta institución».

O pago das débedas históricas, a cooperación cos concellos e a aposta polas novas tecnoloxías e o medioambiente serán, en palabras do presidente do organismo provincial, as tres liñas básicas destes orzamentos. Neste sentido, Gómez Besteiro destacou o feito de que a Deputación adoptase o acordo de reducirlles aos concellos a porcentaxe de cobro polo servizo de recadación, pasando do seis por cento en 2007 ao catro por cento en 2008 e ao tres por cento en 2009. «Con esta medida a Deputación deixa de percibir 450.000 euros ao ano a favor dos Concellos. Por outra banda, acordamos que a asistencia a estas entidade locais non só vai estar dirixida á asistencia xurídica, senón tamén á económico-financeira, urbanística, informática, recursos humanos, etc? Polo tanto, o impulso que lle imprimimos á cooperación cos concellos non ten precedente nesta institución».

Redución do gasto

Polín salientou que a redución prevista no capítulo dous, o de gastos, pasa a engrosar o apartado de investimento real, e, ao igual que o presidente da Deputación, destacou que «en dous anos imos reducir nun 50% o que os concellos tiñan que pagar pola recadación de impostos. Eses cartos poderán ser investidos polos Concellos ou por asociacións municipais». Para rematar manifestou que «será fabuloso que nos endebedemos se conseguimos saldar a débeda histórica». Bao pola súa parte sinalou que estes son uns orzamentos «pensados para un momento difícil».