Fauna invasora no centro urbano

MONFORTE DE LEMOS

Un exemplar visón americano foi visto e fotografado mentres nadaba e buscaba alimento na lagoa do Parque dos Condes de Monforte

20 ago 2008 . Actualizado a las 10:05 h.

A lagoa artificial do Parque dos Condes de Monforte, onde as augas do regato das Malloadas se remansan antes de desembocar no Cabe, pode servir de refuxio ocasional para a fauna invasora que se propaga polos ecosistemas galegos, ao menos para o coñecido visón americano, cuxa presenza detéctase en numerosos puntos do territorio da comunidade. Un exemplar desta especie ( Mustela vison ) foi fotografado a semana pasada mentres rebuscaba nos ocos das pedras que cubren a beira da lagoa, presumiblemente co obxectivo de cazar pequenos animais para alimentarse. A imaxe que pode verse á dereita destas liñas foi tomada a media tarde mentras varias persoas paseaban polos arredores, sen que iso inquietase o máis mínimo ao animal.

A presenza dun visón asilvestrado nun espazo urbano puede chamar a atención, pero está lonxe de ser un feito excepcional, segundo explica o zoólogo Rafael Romero, profesor da Facultade de Bioloxía de Santiago. «Os servizos de Medio Ambiente coñecen desde hai tempo la existencia de visóns americanos no Cabe, como sucede en moitas outras zonas de Galicia, e estes animais acostuman ser bastante descarados e non se asustan facilmente da xente», sinala.

Por outro lado, engade Romero, cabe a posibilidade de que o exemplar avistado no parque monfortino sexa bastante novo, aínda que nas imaxes non se pode estimar a súa idade. «As crías de calquera especie son sempre máis confiadas e, de feito, a maioría das observacións de visóns prodúcense no verán, que é cando as crías comezan a moverse pola súa conta», comenta o científico.

En canto aos posibles riscos que poidan supor estes animais para as persoas, Romero indica que «non son diferentes dos que poden representar calquera animal salvaxe ou mesmo un can ou un gato co que non teñamos confianza. Se intentamos atrapalo é posible que reaccione dunha forma agresiva, pero se non se lle incomoda non ataca á xente nin nada parecido». O que é máis probable é que estes pequenos carnívoros se mostren considerablemente menos tímidos que as lontras ou outros animais propios da fauna autóctona. «Esta especie é oriunda de América do Norte e os animais salvaxes norteamericanos son máis confiados ante a xente que os europeos», apunta o zoólogo.