Porque a música non ten cancelas, porque o idioma galego é patrimonio da humanidade, porque a lingua galega é música... Por estas e por outras razóns, a Área de Cultura e a Vicepresidencia Primeira da Deputación organizaron para o vindeiro sábado un concerto no que dous solistas e un grupo galegos tocarán pola lingua. Mercedes Peón, Emilio Rúa e Os tres trebóns reivindicarán o galego coas mellores ferramentas coas que saben facelo: os seus sons e as súas palabras.
A cita será ao aire libre, na praza de Santa María, a partires das oito da tarde, e todos están invitados a asistir non só para defender a lingua galega, senón tamén para disfrutar co bo facer destes tres artistas.
Mercedes Peón é o máis claro expoñente do novo rexurdir musical galego. As composicións tradicionais toman novas formas nas súas creacións, que, sen perder ese carácter ancestral, recobran vida coas gaitas e as percusións tradicionais, mesturándose cos sons eléctricos máis actuais, como se pode comprobar en calquera dos seus tres discos. A moderna interpretación que Mercedes Peón fai da tradición está baseada en anos de estudo e na recompilación feita de aldea en aldea. O timbre da súa voz, a variedade das súas composicións, o seu amplo repertorio e o feitizo e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións fan desta artista unha aposta segura pola continuidade da música galega.
En canto á nova aventura musical do polifacético Xurxo Souto, Os tres trebóns, trátase dunha formación de veteranos da escena musical galega, con moitos anos de palcos e escenarios. Acompañan a Souto, acordeón diatónico e voz, o batería e cantante Fran Amil e o baixista Antón Díaz, aos que se sumou o bombardinista Lourenzo Castro. Nos concertos desta banda altérnanse as repichocas baseadas en historias que polo xeral falan do día a día dos mariñeiros e dos labregos, así como de músicos, loitadoras e poetas que deixaron pegada na traxectoria de cada un dos compoñentes do grupo.
Por último, o cantautor ourensán da terra de Vendas da Barreira, en Riós, Emilio Rúa, presentará o seu terceiro traballo discográfico: Interior, un disco gravado e mesturado en Casa de Tolos e producido pola cantante galega Uxía e o músico brasileiro Sergio Tannus. Neste disco, este cantautor galego explora novos rexistros nunca antes utilizado. Como di o propio autor «Interior son os dous mundos que hai dentro de min e non se entende o un sen o outro: a miña música e a miña terra».