Monforte e Nápoles únense en torno ao conde de Lemos

LEMOS

As dúas cidades conmemorarán o cuarto centenario do mandato de Pedro Fernández de Castro como vicerrei

28 mar 2010 . Actualizado a las 03:00 h.

O sétimo conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro, tomou posesión en 1610 do cargo de vicerrei de Nápoles, que lle fora outorgado dous anos antes polo rei Felipe III. O Concello de Monforte colabora coas autoridades municipais napolitanas para organizar unha serie de actos conmemorativos deste cuarto centenario, que se levarán a cabo entre os próximos meses de xuño e setembro.

Con tal motivo, a concelleira de Promoción Económica, María Xosé Vega, viaxou esta semana á cidade italiana para entrevistarse co seu tenente de alcalde, Sabatino Santangelo. Na reunión participaron tamén a historiadora monfortina Manuela Sáez -que investiga as relacións entre o condado de Lemos e Nápoles-, e Giovanni Muto, profesor da universidade napolitana Federico II e especialista nese período histórico.

No encontro acordouse que os representantes municipais de Nápoles visiten Monforte o próximo verán e concretáronse diversos aspectos sobre a participación de ambos concellos nos actos conmemorativos que se levarán a cabo este ano. O programa de actos será dado a coñecer máis adiante.

María Xosé Vega e Manuela Sáez, por outro lado, visitaron tamén Salerno e Amalfi, dúas localidades da rexión de Campania moi vinculadas á biografía de Pedro Fernández de Castro. No percorrido foron acompañadas por especialistas na historia do antigo vicerreinato de Nápoles.

A relación do condado de Lemos con Nápoles non se limita á figura de Pedro Fernández de Castro, que gobernou o vicerreinato italiano durante seis anos. Anteriormente tamén ocupara ese cargo seu pai, Fernando Ruiz de Castro, que foi vicerrei desde 1598 ata a súa morte, en 1601. O oitavo conde, Francisco Ruiz de Castro -irmán de Pedro-, foi igualmente vicerrei entre 1601 e 1603 e durante un breve período en 1616.