Teatro contemporáneo para as tardes dos domingos

LEMOS

No multiusos de Monforte comezará esta fin de semana un ciclo de representacións que continuará ata abril.

08 feb 2010 . Actualizado a las 14:30 h.

O domingo abrirarse no edificio multiusos de Monforte un novo ciclo de representacións encadradas no circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que levará á cidade algunhas das propostas máis destacadas da actual temporada teatral en Galicia. O ciclo consta de catro representacións e continuará ata o 18 de abril. Como é habitual neste auditorio, todas as funcións comezarán às 19 horas e o prezo das entradas será de catro euros, con desconto de dous euros para xubilados, desempregados e estudantes.

A primeira representación correrá a cargo da compañía Teatro do Atlántico, que porá en escena O xogo de Yalta. Afterplay , versión galega de dúas pezas do dramaturgo irlandés Brian Friel estreadas respectivamente no 2001 e no 2002. Estas obras inspíranse por unha parte no relato A dama do canciño , do clásico escritor ruso Anton Chekhov, e en personaxes das célebres pezas teatrais As???????tres irmás e O tío Vania , do mesmo autor.

O ciclo continuará o 7 de marzo con A esmorga , adaptación teatral da novela homónima do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor coa que que o grupo Sarabela Teatro conmemora o cincuenta aniversario da aparición da obra, publicada por primeira vez en 1959. Este espectáculo é ademais o primeiro que Sarabela monta en calidade de compañía residente despois dunha traxectoria de case trinta anos. A novela na que se inspira esta obra -que tamén foi levada ao cinema e ao cómic- está ambientada no Ourense de finais do século XIX. Un dos espazos onde transcorre a acción, por certo, é unha casa de citas coñecida como a Casa da Monfortina.

Terror e comedia

A seguinte función ofrecerase o 21 de marzo e correrá a cargo da compañía Talía Teatro, que representará Palabras encadeadas , adaptación dun drama escrito orixinalmente en catalán polo autor barcelonés Jordi Galceran e trasladado ao cinema no 2003 nun filme de terror psicolóxico dirixido por Laura Mañá.

O 18 de abril finalizará o ciclo coa representación de Kvetch (Unha comedia americana sobre a ansiedade) pola compañía Teatro do Morcego. A peza orixinal, estreada en 1986, foi escrita polo dramaturgo e guionista británico Steven Berkoff, máis coñecido pola súa participación como actor en filmes como A laranxa mecánica , Barry Lindon , Octopussy ou Rambo II . A obra é definida como unha comedia sobre o papel da ansiedade e o medo nas sociedades modernas.