O Jofre, ese teatro que soñou unha cidade e que tamén foi posible, nunha moi boa parte, grazas á emigración, acolleu onte o acto central da xornada coa que Galicia reivindicaba, en Ferrol, a memoria de Xosé Fontenla Leal. Foi alí, nun Jofre que é literatura en si mesmo, onde o Concello, tras ter aprobado un par de horas antes, en sesión plenaria, concedeulle a Fontenla, con carácter póstumo, o título de Fillo Predilecto da Cidade, lle fixo entrega á Real Academia Galega do documento que acredita a distinción.
E foi alí tamén onde o presidente dos académicos, Xosé Ramón Barreiro, pronunciou un discurso que sen dúbida -permítasenos a licenza-, quedará ben gardado para sempre na lembranza dun país enteiro. Estaba moi emocionado, Barreiro. Confesouno no seu discurso, díxoo el mesmo. Emocionárase durante a sesión celebrada no Concello, no que todas as forzas políticas con presenza na corporación municipal (PSOE, Esquerda Unida, Partido Popular, Independentes por Ferrol e Bloque Nacionalista Galego) votaron xuntas a concesión do título de Fillo Predilecto a Fontenla, ao home que desde a emigración fixo posible que Galicia teña hoxe tanto o seu Himno como a Academia.
A unidade como camiño
«Ese, o da unidade nas cousas importantes, é o único camiño que temos -dixo Barreiro, poñendo os ferroláns como exemplo- para reconstruír este país de novo». Ao tempo que personificaba en Fontenla a memoria da emigración máis xenerosa, da que se mantivo sempre unida a Galicia «por unha ponte de sentimentos», Barreiro -que por certo deu a entender moi claramente que o Día das Letras do 2010 podería estar dedicado a Carballo Calero, a quen lembrou como «amigo e mestre»- calificou a Ferrol de cidade «irrepetible», de xentes sempre entregadas «á construción de Galicia e de España». En nome da cidade, o alcalde, Vicente Irisarri, calificou de «fundamental» o labor de Fontenla, mentres Yolanda Díaz subliñaba o lugar que lle corresponde na historia de Galicia a quen impulsou o nacemento da Academia.