«Delmiro non é máis friki que o resto da parroquia de Louredo»

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

TELEVISIÓN

O actor asegura que cando se fai comedia e non divirte «queda patético»

14 nov 2011 . Actualizado a las 10:55 h.

A Antonio Durán chámanlle Morris desde que era cativo. Agora, por veces na rúa, tamén lle chaman Delmiro, que é o seu personaxe en Padre Casares.

-Para o actor que o interpreta, ¿como é Delmiro?

-É un alcalde friki, coas súas insignias, as súas rarezas e as súas teimosías. As veces penso que é friki, pero tamén é certo que todos os personaxes de Padre Casares vistos desde fóra teñen as súas cousas e, nese sentido, o alcalde de Louredo dá a media do seu concello: non é máis friki que os seus conveciños.

-¿Cal foi a evolución que experimentou o personaxe ao longo das temporadas?

-Digamos que desde o principio ata hoxe foi facéndose máis capitán das tramas nas que o pobo ten máis protagonismo. A serie ten dous polos. Por unha parte, o que fan os curas e, por outra, a xente. E Delmiro é o alcalde e, polo tanto, manda na xente e foise convertendo coas temporadas no personaxe que fai contraargumento. Por outra parte, creo que aquela idea primeira das insignias, que se o Che ou Marx, foi asentándose de xeito que a xente entende que é un frikismo como calquera outro. Podería ter a Darth Vader.

-¿Como cre que os alcaldes na realidade se toman ao alcalde de Louredo?

-Unha das cousas que pasan cos alcaldes é que, cando vas a un pobo, non che aparece un tipo de tal ou cal partido ou con tal ideoloxía, aparéceche o alcalde. Quero dicir, que non é tan relevante a que partido pertence e podes encontrar xente de ideas parecidas en distintos partidos e ao revés. Por outra parte, alguén dixo que quizais poderías encontrar xente máis honrada para ese posto pero entón sería moito aburrido. En Louredo é exactamente así.

-Nos últimos tempo no cine tócanlle os dramas, e na televisión, as comedias.

-Pois supoño que é casual, pero si que sucede iso. Tamén pode ter que ver que é máis difícil que a televisión produza dramas. En calquera caso, é unha fortuna facer un pouco de todo e agradezo poder traballar en papeis dramáticos porque comedia levo feita moita e sempre está ben demostrar que un pode asumir outro rol. Posiblemente, se só fixese dramas querería que me chamasen para facer comedias.

-¿Facer comedia «encasilla»?

-Coa comedia sucede algo que non sempre é fácil de entender. Non está moi valorada ou sempre se valoran máis os papeis dramáticos. E, non obstante, desde o punto de vista dos intérpretes, cando fas un drama sempre podes tirar de moitas cousas e que resulte apañado. Pero se fas comedia e non é divertido, queda patético. É moito máis difícil facer comedia.

-¿Cando actúa no teatro os espectadores van ver a Delmiro?

-Esas confusións están superadas, aínda que está claro que existe un efecto chamada. Agora que estou en El florido pensil, nótase que te coñecen da televisión e que algunha xente vai ao teatro porque coñecen aos actores da tele. Entendo que quen non sae na televisión non ten esta posibilidade, pero sería parvo non utilizar esta circunstancia para levar xente ao teatro.