Nova entrega, ás 23.00 horas, do espazo que permite a colectivos expresar as súas queixas
28 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Terceira entrega da temporada na noite do xoves de Mobilízate , un programa aberto á participación e que dá a oportunidade a colectivos variados de expresar as súas queixas a través de accións de carácter espectacular, que transcenden a súa actividade cotiá.
Esta noite, ás 23.00 horas, abórdase un novo caso, que levará ao espectador ao mundo do deporte, algo que non é tan sinxelo como semella. Facelo a nivel profesional implica un desenvolvemento de medios e infraestruturas que dificulta a participación de determinados colectivos.
As mulleres deportistas galegas reivindican a súa presenza nun entorno aínda predominantemente masculino, no que as medallas e os títulos acumulados semellan carecer de valor. Xuntas como colectivo, sairán á rúa para demostrar a súa valía e demostrarlle á sociedade que hai un espazo que lles pertence, nesta nova edición do programa. A esencia deste espazo é a de levar a televisión un fenómeno que se desenvolveu en Internet, como é o dos chamados Flashmob . Literalmente significa multitude instantánea e non é outra cousa que unha acción organizada na que un gran grupo de persoas se xuntan nun lugar público, realizan algo inusual e logo se dispersan rapidamente.
Por iso, o programa de V Televisión conta cun enderezo electrónico mobilizate@vtelevisión.es, que serve para que todos os colectivos interesados poidan contactar cos responsables deste espazo da cadea galega. Nos textos, deberán explicar dun xeito sinxelo cal é a súa reivindicación e que están dispostos a facer para expresar a súa protesta.