V Televisión estrea o primeiro espazo de sátira política de Galicia

Manuel Costoya
Manuel Costoya REDACCIÓN/LA VOZ.

TELEVISIÓN

A cadea da Corporación Voz adapta o popular formato de Radio Voz «Corre Carmela que chove»

26 may 2010 . Actualizado a las 10:31 h.

A televisión en Galicia non ten programas específicos de sátira política, formatos xa consolidados e de gran tirón de audiencia noutras autonomías, como é o caso de V aya semanita , no País Vasco e Polonia en Cataluña. V Televisión aposta na súa programación por trasladar á súa TDT un formato xa contrastado na radio. Corre Carmela que chove chegará desde o próximo luns á grella da nova cadea de Galicia con emisións diarias a partir das 14.15 horas e redifusións ás 20.30 horas. Os sábados poderá verse ás 15.15 horas, e continuará co seu horario actual en Radio Voz.

O éxito de C orre Carmela que chove explícase porque os imitadores son dunha grande calidade e talento, e conseguen unha auténtica caricatura falada dos persoeiros. «O programa nunca buscou unha risa fácil», explica Siro López, quen sostén que quen queira coñecer en profundidade a política galega e a española ten unha excelente canle para facelo en Corre Carmela que chove . «Nun programa de humor podemos dicir o que queremos, sempre dentro duns límites, e expresar o que non poden contar outros porque o noso fin é o humor. Temos a licenza que nos dá a risa. Por iso somos un programa libérrimo, iconoclasta e divertido».

E agora ven o salto á televisión, o que conleva un cambio no método de traballo para todo o equipo do programa, pero respectando a esencia dun produto de éxito. «Para os actores supón un novo reto, un desafío. Agora están rodeados de cámaras», comenta Siro López.

O equipo conta cunha ampla experiencia ante grandes auditorios, e das actuación en directo xa realizadas para numerosos programas radiofónicos. «Temos que traballar máis o xesto e poñer un plus de actuación que non requiría a radio, pero todo o equipo está encantado con esta experiencia de trasladar á televisión C orre Carmela que chove», explica . De feito, os programas grávanse nun plató con público, que responde «moi ben» o que escoitan, un diálogo irónico, cheo de chispa e con apuntes necesarios de improvisación sobre a vida política e social galega e española.

Clásicos e novas caras

Que sería de C orre Carmela que chove sen Manuel Fraga, Francisco Vázquez ou Arsenio Iglesias. Naceron co programa e teñen unha identidade propia más aló da súa perda de protagonismo público. Pero este espazo está pegado á actualidade e adaptado aos novos tempos. Mouriño, o adestrador de fútbol, é unha das últimas fichaxes e comparte tertulia diaria cos principais líderes políticos galegos e tamén con nomes do mundo do corazón como o galego José Manuel Parada.