«Son igual de loitadora que Vanesa, aínda que non faría o que fose para conseguir o que quero»
TELEVISIÓN
María Mera (Vedra, 1983) é unha actriz moi nova que se enfronta ao seu primeiro gran papel na pequena pantalla. Ela é Vanesa, unha rapaza a quen lle fascina o luxo e o poder e quere vivir unha vida diferente á dos seus país, que loitan por chegar a fin de mes. Co clan dos Matalobos atopa unha posibilidade de cumprir os seus sonos. A que prezo é só unha cuestión secundaria para ela.
-¿Cómo vai ser a vida de Vanesa nesta segunda tempada que comeza?
-Vai coller máis protagonismo do que tiña. Empeza un pouco baixa. Quere facerse boa, pero por circunstancias que non vou contar volve ao mesmo mundo da droga que lle dará problemas.
-¿Terá máis relación cos Matalobos?
-Ela nunca se desvincula deles. Primeiro tenta coller un traballo normal, pero logo volverá a conectar con Diego e con Carmelo.
-¿Que lle ofrece o papel de Vanesa a unha actriz tan nova?
-O papel é un caramelo, porque é un personaxe que ten moitos matices, pasa dun rexistro a outro. No aspecto interpretativo estou aprendendo moitísimo. Creo que reflicte moi ben os problemas que teñen moitos adolescentes coa droga.
-¿Pensa que «Matalobos» é unha serie pegada á realidade?
-A min gústame porque é unha serie realista e con ela moita xente pode darse conta do que hai por alí fóra.
-¿Cómo chegou o papel de Vanesa as súas mans?
-Por unha chamada. Presenteime a unhas probas, pero non sabía de que ía a cousa. Pensaba que era algo pequeno. Fun de casualidade, porque ese día librei do traballo e ás dúas horas xa me estaban chamando. E agora estou encantada.
-Creo que pola rúa lle dan consellos sobre cómo debe ser Vanesa.
-Páranme sobre todo as nais, os pais non. Dinme como podo ser tan mala coa miña familia, que non podo ser así. Danme consellos. Na primeira tempada acabei leada con Carmelo e algunhas me dicían que buscase unha persoa máis nova.
-¿Vostede se identifica nalgún aspecto con Vanesa?
-Non. Estou desvinculada do mundo da noite, das drogas e o alcohol. Son unha chica moi sa e moi tranquila. So teño algo en común con ela. Son igual de loitadora que Vanesa, aínda que non faría o que fose para conseguir o que quero. Ela quere saír desa vida humilde que ten. Ter cartos e vestir ben.
-¿Qué tal está resultando a gravación da serie?
-Hai días con moito traballo, que se compensan con outros.
-«Padre Casares» xa ten secuelas noutras autonomías. ¿Cree que «Matalobos» e tamén unha serie exportable fóra de Galicia?
-¿Por que non? É unha realidade universal. En Galicia hai narcotráfico, pero pasa igual noutros sitios.