Haberá sorpresas nos seguintes capítulos de Padre Casares. Aparecerá na serie a nai de Horacio e o seu tío, un ateo convencido que fará boas migas con Delmiro.
-Chama a atención que as tramas da serie están moi preto da actualidade.
-Si, sobre todo do sentir na rúa. Son cousas que sabe facer moi ben Carlos Portela (coordinador de guións de Padre Casares). Os nosos personaxes son moi disparatados, pero sen manteñen nun nivel para que sigan sendo cribles e recoñecibles.
-Delmiro tamén o é.
-Pero agora cambiou esa percepción, a pesar da súa anarquía vital. Incluso dinme que me presente de verdade a alcalde en Vigo. Galicia é incrible. A Delmiro veno dunha forma entrañable. Nos pobos existen alcaldes coma el. Xente de dereitas que se comportan coma un de esquerdas e outros que van de progresistas e non deixan pasar unha, e son do máis autoritario e rancio.
-¿E que ten unha historia coma a que presenta a serie para conectar con tanta xente?
-O atractivo de Padre Casares está na convivencia duns seres tan distintos e bipolares, é coma unha esaxeración da realidade. Pero a mensaxe final e que todos estes persoeiros son capaces de convivir entre eles. E é unha ficción moi coral, que sabe coller o sentido dun pobo e lle dá entidade aos personaxes. En Galicia sempre gustou moito o costumismo, e estas series, se están ben feitas, xeralmente teñen éxito.
-¿Haberá «Padre Casares» para moito tempo?
-Non o sei. Eu só son capaz de pensar no ano que vén. As gravacións desta temporada rematan en decembro e os capítulos estarán en antena ata abril en TVG. Neste tipo de series, se consegues manter o equipo e seguen enganchando ao público, podes durar moito.