A comunicadora galega é un dos rostros históricos ?dos informativos de Televisión de Galicia
02 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Teresa Castelo é xornalista, leva máis de vinte anos en televisión. Goza do privilexio de ter sido a primeira muller en presentar o Telexornal de TVG. Na actualidade presenta a edición da fin de semana, xunto a Manuel Pampín.
-¿Como se sente sendo un dos rostros «históricos» de TVG?
-Faime graza que me fagan esa pregunta. Síntome moi cómoda, moi feliz na fin de semana e en todo o tempo que levo en televisión.
-¿Cando empezou neste medio?
-Hai 23 anos. Desde o ano 85, son case membro fundadora. Empecei xunto a Antón Galocha no primeiro Telexornal que se fixo na cadea e, exceptuando períodos moi curtos, seguín sempre presentando.
-¿Notáronse moitos os cambios desde os inicios?
-Moito. Desde os aspectos técnicos ao tratamento da información. Antes tiñamos que ir a buscar en persoa as cintas a Lavacolla, que viñan de Madrid. Hoxe en día, temos uns medios tan sofisticados coma calquera outra canle do mundo.
-¿Que achega a edición da fin de semana do «Telexornal»?
-O trato dado á información é diferente. O público é o mesmo, pero recibe as cousas doutro xeito, a xente non está na voráxine do día a día, pero a actualidade non se detén. As noticias son máis elaboradas, afondamos sen perder o pulso do que está a acontecer, sen a inmediatez da información diaria, con reportaxes complementarias.
-¿É unha fórmula máxica a unión Castelo-Pampín?
-Nós só vendemos o traballo que realiza o marabilloso equipo que temos detrás. Sen ese gran traballo non fariamos nada. Nós só damos a cara. A xente do equipo e os bolseiros, moita xente nova, están aí facendo un gran traballo.
-¿Qué pensa dos que aínda falan da «telegaita»?
-Iso xa non existe, é un eufemismo que se asociou nos primeiros tempos a un folclorismo mal entendido. A min ninguén me fala da telegaita. Agora temos uns magníficos programas de reportaxes, investigación e contidos. Nos últimos dous ou tres anos convertémonos nun equipo de referencia, exportable a calquera medio autonómico ou nacional. Facemos unha televisión moi digna.
-¿Como transmite con esa simpatía e ese rigor?
-Non sei como transmito. A cámara reflicte o que un é. Eu son igual ante a cámara que tomando un café.
-¿Que opina dos novos formatos das canles privadas en informativos?
-A min gústame a información moi sopesada, non as noticias de flashes de trinta segundos. Aínda que respecto a todas as canles.