«Había moito que non ría en voz alta lendo un guión»

María Rial

VIGO CIUDAD

O vigués interpreta a Delmiro, o alcalde ateo de «Padre Casares», a comedia que emite TVG os martes de noite

03 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Leva tantos anos en televisión que hai décadas que a xente o para pola rúa, pero agora, dende a estrea de Padre Casares, a Morris (Vigo, 1959) chámano alcalde. Actor e presentador en diversos programas de TVG desde mediados dos oitenta, popularizouse como Antón en Pratos combinados, e esta tempada dá vida a Delmiro, o rexedor ateo e comunista de Louredo.

-¿Que lle di a experiencia de «Padre Casares»?

-Sei pulsar a rúa e neste caso á xente gústalle a serie e failles graza o choque coa Igrexa. O primeiro capítulo foi un bombazo, pero durante toda a rodaxe, escoitaba as gargalladas do equipo, e eu había moito que non ría en voz alta lendo un guión. Son situacións moi simpáticas e con grandes doses de humanidade e sentimentos primarios. Os 13 capítulos xeran unha empatía enorme.

-¿Os espectadores estaban desexosos dunha comedia deste tipo?

-Penso que si. O triunfo de Padre Casares, que conecte tanto co público, vén dado porque está moi ben rodada e feita con moito cariño. E, aínda que estea mal que eu o diga, o casting está moi ben feito, a xente identifica moi ben o personaxe co actor. Ademais, Coira [o director] é unha bomba e conseguiu canalizar as enerxías de todos nós. É coma un neno con zapatos novos, ilusiónase co que fai e transmíteo.

-Dá vida a un alcalde ateo, nunha serie de cregos. ¿É o personaxe polémico?

-Galicia é máis anárquica do que pensamos, mentres non sexas ferinte coa igrexa. Na relación entre Galicia e os cregos hai moita retranca. Na presentación da serie, no seminario menor de Santiago, os cregos eran os primeiros, estaban encantados.

-¿Ten algún referente para interpretar a Delmiro?

-O que fago é empaparme moi ben dos guións. Pouco tiven que facer. Empezou moi pouquiño a pouco, foi medrando e a partir do cuarto capítulo dispárase.

-¿Existe improvisación?

-Coira dá bastante liberdade para que as cousas non vaian moi trilladas.