«A Blanco crucificárono, foi condenado previamente»

José Manuel Pan
j. m. pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Pose Mesura considera que o ministro «é un traballador, un currante, e non vai estar desactivado nunca»

09 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O delegado do Goberno é, ante todo, un político. Que vive a política con paixón, e que sinte como propia a debacle socialista.

-Foi un duro golpe.

-Escapóusenos moito voto pola esquerda. E moita outra xente quedou na casa. Hai que volver a sintonizar. ¿Como se pode facer? Falando coa xente, pateando. Ademais de saír nos medios de comunicación, hai que estar cos veciños

-¿Que máis ten que facer o PSOE?

-Para poder recuperar os votos perdidos, primeiro hai que pasar o deserto. E despois, xa veremos.

-¿Vostede con quen está, cos de Pachi Vázquez ou cos de José Blanco?

-Eu son dos que están con Pablo Iglesias, un gran home que nun momento da súa vida decidiu fundar un partido e tamén un sindicato irmán para tratar de estar sempre e de axudar aos menos favorecidos da sociedade. Os que defenden iso son dos meus. Os que defenden outras prioridades non están do meu lado.

-Blanco foi moi castigado polo caso Campeón.

-Penso que se foi moi inxusto con Blanco. Era o elemento a batir, pero hai que ter en conta que non está imputado, que se di que un delincuente deu o nome de Blanco, pero iso non significa nada.

-¿Fixéronlle moito dano?

-A Blanco crucificárono, condenárono previamente, machacárono. E debe estar pasándoo mal. Ten toda a miña solidariedade.

-¿Blanco está desactivado?

-Blanco non vai estar desactivado nunca. É un traballador, un currante. E segue no Congreso representando a Lugo. De desactivado nada.

«Para recuperar os votos perdidos, o PSOE ten que pasar primeiro o deserto»