O Secrtario Xeral de Emigración lembra tamén que o control do hospital por parte do Centro Galego xa se tiña reclamado por parte do centro.
20 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A extinción da Fundación Galicia Saúde, que viña xestionando un hospital que atende a miles de emigrantes en Bos Aires, extínguese «polos exercicios deficitarios da propia fundación» e pola existencia dun mandato estatutario que así o esixe nesa situación, tal e e como explicou onte o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba. Unha extinción, di, que se acordou co apoio «da maioría dos patronos do Centro Galego e coa unanimidade dos patronos da Xunta». A distribución dos patronos era paritaria: cinco e cinco.
Chegouse a esa débeda (case 20 millóns de euros), cre Camba, por varias razóns: a dificultade de xestionar «compartidamente» un hospital a tantos quilómetros «das nosas fronteiras»; «a desaparición do control do gasto nos tres últimos anos do Goberno bipartito»; ou a xestión deficitaria «non acorde coa xestión normal dun hospital». «Iso leva a que agora proceda a extinción, liquidación e, posiblemente, un concurso de acredores da propia entidade, para darlle viabilidade». Lembra tamén que o control do hospital por parte do Centro Galego (a vía que se perfila) xa se tiña reclamado por parte do centro e que, con esta extinción da fundación, iso é o que vai ocorrer, «como eles desexaban».
?¿Desaparecerá o hospital coa extinción da fundación?
?Todo o contrario. O que pasa é que hai que tomar certas medidas para que ese hospital volva funcionar como debería e, neste caso, nas mans do Centro Galego. O único que hai é un paso do control do hospital: da fundación ao propio centro. A Xunta de Galicia non se vai desocupar do hospital, vai seguir prestándolle axuda ao Centro Galego, como non podía ser doutra forma. O que si pedimos é que, á marxe da responsabilidade que isto implica para a Xunta, se impliquen outras Administracións, entre elas a arxentina, pero sobre todo a Administración central española, que ata o de agora non se implicou en axudar a ningún dos hospitais que teñen os españois no exterior. E o Centro Galego non deixa de ser un hospital de galegos e, por tanto, de españois no exterior. É unha axuda que se solicitou en varias ocasións, que sempre se promete, pero que nunca chegou.
?¿Que medidas aplicará a Xunta para a viabilidade do hospital?
?Temos comprometido co Centro Galego unha axuda anual durante varios anos [aínda non concretada, pero que, adianta, «será unha cantidade importante de diñeiro»] que en principio se vai manter, sobre todo para pagar a débeda contraída nestes momentos por parte do hospital. As débedas hai que pagalas, hai que poñelas tamén no seu contexto e, nese sentido, dende a Xunta seguiremos axudando.
O que pasa é que hai que tomar unha serie de decisións: unhas compartidas entre a Administración galega e o Centro Galego e outras, unha vez que pase a administración ao Centro Galego, que terán que tomar eles. Pero hai viabilidade do hospital, hai posibilidade de telo, aínda que corrixindo moitas actuacións propias da xestión, actualmente deficitaria e que en moitos momentos non foi a correcta e axeitada. E, nese sentido, se somos, ou se son, capaces de corrixir eses problemas de xestión, o hospital en principio debe de ter viabilidade e debe de gozar de boa saúde. Diso estamos convencidos.