Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega e varios anos elixido polos escritores galegos como candidato ao Premio Nobel, cualifica de «excelente» a iniciativa de La Voz de publicar as mellores páxinas dos grandes autores galegos. «Paréceme excelente que se faga unha antoloxía dos autores das letras galegas e que se cobre ese prezo, o cal non fará máis que suscitar unha gran atención e que moitas persoas se fagan con eses libros», apunta o autor de Con pólvora e magnolias .
Méndez Ferrín asegura que «estes libros quedarán nas casas e darán o seu froito como a parábola do sementador de Cristo: un caerá en bo terreo, outro caerá en pedra e outro caerá entre espiñas, pero o que caia en terra boa devolverá o cento por un».
Sobre as posibles preferencias por algún dos vinte autores desta colección asegura Ferrín: «Para min son todos valiosos; eu estou máis próximo a Curros non só porque sexa de Celanova senón porque case me eduquei con el, xa que era o autor favorito da miña casa; pero iso xa son cuestións biográficas».