«Puidemos pechar o orzamento do 2010 porque tiñamos remanentes»

GALICIA

O reitor vigués afronta o tramo final do seu mandato coa responsabilidade de negociar o vindeiro plan de financiamento das universidades galegas

02 ene 2010 . Actualizado a las 02:42 h.

Alberto Gago afronta o seu tramo final como reitor na Universidade de Vigo coas dificultades emanadas dos futuros recortes no financiamento universitario por parte da Consellería de Educación.

-¿Que está en perigo coa redución dos ingresos procedentes da Xunta?

-No que respecta á docencia, fundamentalmente, é a aplicación do proxecto Bolonia. Tamén no sistema de inversións, que se podería chamar ladrillo, pero detrás deste paradoxo hai residencias universitarias, instalacións de investigación, etcétera. Claro que é ladrillo pero forma parte da categoría das dotacións básicas de calquera universidade. Despois, tamén vai poñer en cuestión a política de captación e consolidación de talentos dentro do sistema galego. Vai resultar moi complicado mantelo nestas condicións, sobre todo, se non cambia a tendencia no 2011.

-¿Poderá seguir así un ano máis a universidade?

-No 2010, puidemos pechar os orzamentos porque tiñamos remanentes, aforros orzamentarios. Por exemplo, ao remanente do ano 2008 non lle tocamos, e foron 8,5 millóns de euros, que incorporamos ao orzamento do 2010. Tiñamos aforros porque esta é unha universidade saneada, pero unha vez que gastas o peto non hai máis. Cando chegue o 2011, os profesores non van deixar de cobrar e os centros non van pechar. Sen embargo, todos os programas adicionais que teñen que ver coa calidade na formación, programas de I+D ou relacionados coa captación de talentos si que estarán en cuestión. Logo, se tes que reducir, en primeiro lugar cortas aquilo que non che impide abrir os centros. Se trata de poder manter os programas que xustamente miran cara á calidade.

-¿Teñen as universidades a posibilidade de entrar en déficit?

-As universidades non poden ter déficit, salvo que sexan autorizadas polas autoridades autonómicas. Eu trataría de nin sequera utilizar o mecanismo de créditos ponte. Pero cortar programas deste tipo é sangrante, porque non son decisións que se poidan resolver dun ano para outro. Se paramos a máquina de I+D e de captación de talentos requirirá de moitos anos para volvela a poñer a funcionar. Os grupos de investigación danche as costas porque entenden que non es fiable e tratarán de manter o seu ritmo investigador por outra vía. O problema non é das universidades, é das autoridades deste país, e deste país no seu conxunto.

-¿A que programas terían que renunciar para facer fronte aos gastos correntes das universidades?

-As transferencias do Plan de Financiamento actual non son suficientes para financiar o capítulo 1. Nós estamos adicando fondos de capital para financiar gasto corrente. Nós temos neste capítulo 330 millóns de euros, e o que nos aporta de fondo incondicional a Consellería de Educación (non o total, e dicir, non incluíndo os fondos do I+D) son 321 millóns de euros. Quere dicir que nós temos que buscar recursos noutros sitios para financiar eses 9 millóns de euros que faltan para completar o noso financiamento.

-¿Tomaron algunha medida excepcional para obter ingresos?

-O 60% dos ingresos das universidades son subvencións procedentes da Xunta. Outro 9% procede de taxas e prezos, e o resto son captacións externas de recursos que abranguen todo tipo de convocatorias. Nós imos a todas as que se poñen a tiro. O resto son, no noso caso, os remanentes. Esta é a radiografía dos ingresos do orzamento universitario. As marxes que ten a universidade son reducidas.