A banda de gaitas de Moneixas acudiu a un certame a Francia e iniciou contactos para novos intercambios
23 jul 2009 . Actualizado a las 15:19 h.A Banda de Gaitas Os Dezas de Moneixas (Lalín) participou no Certame Internacional Intercéltico que se celebrou en Francia, do 9 ao 15 de xullo. O evento, a Fêtes Franco-Écossaises, que se levou a cabo en Aubigny Sur Nère congregou a unha docena de agrupacións procedentes de Irlanda, Italia, Escocia e dúas da nosa comunidade: a de Moneixas e outro grupo de Coles (Ourense).
Para a banda de gaitas de Lalín foi a súa primeira saída a Francia. Ate o país veciño viaxaron os vintecinco integrantes da formación que ofreceron varios pasarrúas e concertos polas rúas de Aubigny; para rematar o último día do certame cun gran concerto nas inmediacións do lago co que conta a vila. Para os membros do grupo lalinense foi unha grata experiencia que agardan poder repetir en vindeiras ocasións, ao celebrarse dito certame todos os anos. De feito, a agrupación de Coles xa estivera noutra ocasión actuando na Fête Franco-Écossaises. Un desprazamento a Francia que aproveitaron tamén Os Dezas de Moneixas para iniciar contactos con outros grupos de gaitas de cara a levar a cabo vindeiros intercambios. Intercambios que non sempre se poden realizar por motivos profesionais dos integrantes de Os Dezas, que compaxinan traballo con ensaios, saídas e actuacións da banda. Agora mesmo, e precisamente por cuestións laborais dos músicos, a formación lalinense tivo que declinar dúas invitacións que lle foron cursadas para actuar en Montenegro e Badaxoz neste verán. Ao que non renuncian son ás actuacións e pasarrúas que ofrecerán polas distintas parroquias e localidades da zona con motivo das inmumerables festas que se programan nestas datas.
Os Dezas tamén teñen un estreo preparado. Trátase da Muiñeira da Tortilla de Laro (Silleda) que compuxo o integrante do grupo Horacio Taboada, e que se estreará o vindeiro venres 31 de xullo -coincidindo precisamente coa celebración do evento gastronómico-, que terá de pregoeiro este ano ao tamén contacontos e escritor lalinense Celso Fernández. A peza é, segundo Horacio Taboada, unha muiñeira tradicional que lle gustou moito ao grupo e á que lle adicou moito tempo: ano e medio. Meses nos que a obra sufriu varias modificacións ate chegar ao resultado definitivo que se poderá escoitar a finais de mes.