Un ensaio filosófico percorre a literatura desde Grecia ata Borges

C. P.

CULTURA

17 abr 2009 . Actualizado a las 11:43 h.

Filosofía e literatura danse a man en O silencio dos Deuse s, unha obra ensaística de José Lorenzo Tomé, profesor de Filosofía dun instituto de Oleiros e divulgador desta disciplina humanística máis aló das marxes docentes.

De aí que o autor asegure que este libro ten vocación de chegar a un público amplo. «De interesarlle á xente que lle gustan as humanidades, porque se ben podería ter utilidade no ensino, non me gustaría que se convertera nun libro que se impuxera nas aulas», di.

Lorenzo Tomé percorre a literatura cun enfoque filosófico dende os clásicos gregos ata Borges, diferenciando claramente cinco etapas a partires da Grecia clásica, o medievo, o Barroco e a Ilustración, a novela do século XIX e a época contemporánea. De todas esas etapas contén análises o libro.

Os protagonistas do universo que compón o ensaísta son figuras literarias históricas como Odiseo, o rei Arturo, Morgan le Fay, Huckleberry, Lord Jim, Bagadouro e Tom Bombadil, personaxes de obras literarias que son clásicos universais de autores como Homero, Sófocles, Voltaire, Mark Twain, Julio Verne, Cunqueiro, Umberto Eco, Conrad e Borges entre outros. «Son autores clásicos, pero evidentemente é unha escolla, a miña, porque me interesan as súas obras literarias e, ao mesmo tempo creo que responden a un universo humano moi concreto dende o punto de vista do pensamento».

Enfoque ético

O enfoque ético é unha clave do ensaio construído por capítulos en breves reflexións sobre cada un dos autores deste percorrido «nun intento de comprender o que hai aí como obra ensaística que é», indica Lorenzo Tomé para apuntar de seguido que tamén importa moito na súa análise «o valor estético e o valor literario, porque non querería que a ética devorase á estética. En calquera caso, as dúas están moi vinculadas nesta lectura ético-filosófica».

Aproximación crítica

O silencio dos Deuses

, publicado por Baía Edicións, presentouse na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago nun acto no que ademais do seu autor interviñeron os profesores de Filosofía da USC Nel Rodríguez e Luís Villegas, e o catedrático de secundaria e prologuista da obra Jorge Álvarez Yagüez, que fixo unha aproximación crítica a este traballo, que considerou como unha importante achega ao panorama literario galego, no que segundo José Lorenzo «o ensaio non está o suficientemente desenvolvido».

José Lorenzo Tomé ten ademais publicados dous libros sobre o filósofo alemán Habermas, da escola de Frankfurt, e unha novela, A cidade branca , que apareceu nos primeiros anos oitenta prologada polo profesor Benito Varela Jácome. O escritor lamenta que aquela primeira obra de ficción non tivese demasiado éxito no mundo literario do país, «nunha época na que non había publicadas moitas novelas en galego».