Escollen disciplinas como Lingua, Literatura, Cultura ou Historia en facultades de Humanidades
18 nov 2008 . Actualizado a las 08:50 h.En once universidades de oito comunidades autónomas hai case un millar de estudantes que escollen disciplinas relacionadas coa lingua, a literatura, a historia ou a cultura galegas. É unha cifra «boa», en valoracións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que subsidia os lectorados de galego, responsables da maior parte destas ensinanzas, que evidencian un interese na identidade galega. O obxectivo é aumentar a presenza en todas as comunidades.
A Universidade de Barcelona é a que conta con maior volume de matriculados. É así porque é tamén a única do Estado, alén das galegas, que conta coa titulación de Filoloxía Galega. As materias do segundo ciclo e de másteres específicos de Filoloxía Galega son seguidas por 127 estudantes. Hai 91 máis que se matricularon en cursos de lingua e cultura non adscritos á carreira. É esta a única universidade en que se superan os 200 estudantes de galego.
A segunda con maior volume de alumnado é a Universidade de Deusto, en Bilbao. Este centro privado ten 82 estudantes da materia de Lingua Galega-1 e outros 68 en Lingua Galega-2. A cifra case se duplicou desde 1992, o primeiro ano en que esta universidade ofreceu estas disciplinas, cando contaba con 77 «e a metade deles eran vascos», afirma o historiador Xosé Estévez, que foi o primeiro en ensinar o idioma.
Tamén supera o cento de estudantes a Autónoma de Barcelona, con 131, repartidos en tres disciplinas: Lingua e Cultura Galegas, con 25; Estudo da Cultura Galega a través dos Mitos, con 21; e Cultura e Sociedade Galegas Contemporáneas, con 5. Alén diso, hai preparación para obter o certificado da lingua galega (Celga), que é a oferta con maior atractivo, pois hai 60 persoas que se preparan para o Celga-1, o nivel máis elemental, e 20 máis o Celga-2, que é o seguinte en dificultade.
A outra universidade do Estado con máis de cen estudantes é a de Estremadura, no campus de Cáceres, que se distribúen en catro cadeiras diferentes, amais de 11 que se preparan para o Celga 1: a maioría, 81, están anotados na materia de Historia e Cultura Galegas, 16 en Literatura Galega, catro en Lingua e Literatura Galega-1, e un en Lingua e Literatura Galega-2. A lectora enviada pola Xunta, Natalia Blanco Carreira, ten encomendada toda esta carga lectiva. Un especialista en literatura e cultura galega que lecciona en Cáceres é Andrés Pociña López, aínda que ten dedicación a Filoloxía Portuguesa, ao igual que outros docentes desa institución.
Pociña destaca o interese existente polas materias galegas en boa parte de alumnado das restantes filoloxías, en especial a hispánica. «Aínda que existe unha importante oferta de estudos de portugués na comunidade de Estremadura, non se reflicte na Universidade, onde é difícil conseguir alumnado, a pesar das manifestacións públicas que insisten en que é un idioma fundamental para a comunidade. O interese polo galego non presenta esas dificultades», indica, e así se verifica coa boa demanda existente.