O galardón foi entregado onte nunha cea que tivo lugar no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre
18 jul 2008 . Actualizado a las 02:54 h.A oitava edición do Premio de Novela por Entregas, que anualmente organiza La Voz de Galicia, ten como paisaxe a cidade de Lugo. Nesa cidade transcorre a historia gañadora deste premio, unha historia que baixo o título de Mercurio se publicará todos os días de agosto nestas páxinas.
Emilio Alonso é o autor dunha novela que, segundo as súas propias palabras, é «un thriller satírico» e que chamou a atención do xurado pola «verosimilitude da historia que relata e os toques de humor». O xurado, formado nesta ocasión por Luís Ventoso, Ernesto Sánchez Pombo, Tucho Calvo, Iria López Teixeiro e Concha Blanco como gañadora da edición anterior, tamén encontrou salientable «a combinación de amor, desamor e intriga» do texto. Finalmente, os compoñentes do xurado sinalaron a habilidade e a «boa adaptación da estrutura ás esixencias dunha novela por entregas».
A combinación de intriga e humor destaca nunha historia que dosifica a súa trama ao longo dos capítulos diarios da novela por entregas e que vai repartindo a acción e a investigación entre todos eles.
O traballo de dosificación da trama e mais o reflexo urbano de Lugo son dúas das características que chamarán a atención desta historia contada desde unha certa convención humorística do xénero da intriga.
O protagonismo de Lugo queda claro dende a primeira entrega desta novela, que o autor, case como unha declaración de intencións, explica: «Quixen comparar Lugo co Macondo de García Márquez, a Vetusta de Clarín ou o Castroforte de Barralla de Torrente Ballester». A intención final virouse algo no imaxinario de Emilio Alonso porque, segundo explica, «a cidade asemellábase á aldea gala de Astérix, ese marabilloso reduto inexpugnable aos ataques do Imperio romano».
O percorrido urbano pola cidade ten ao tempo algo de percorrido histórico, de maneira que tamén se fan protagonistas da novela institucións e feitos que forman parte da historia luguesa.
Por esa historia atravesan os personaxes da novela. O primeiro é o narrador, que conta en primeira persoa e con certa distancia como sucede a historia. Están os personaxes femininos, entre os que cabe salientar a Lola e á súa filla, cunha relación de proximidade co narrador e que forman parte do núcleo da historia. Logo están case un cento de personaxes, algúns deles formando parte dunha fauna urbana que quere ser prototípica dunha cidade de provincias, coas familias sinaladas, coas corruptelas locais e con esas lendas propias de cidades pequenas que alimentan a cor local e marcan as diferenzas entre unhas cidades e outras.
Pola historia tamén atravesan nomes sonoros da literatura da cidade, como Álvaro Cunqueiro ou Luís Pimentel, pero en todo argumento con suspense hai algo ilegal, un algo que chega a coñecemento do protagonista de maneira non precisamente buscada.
A novela gañadora impúxose a outras tres que o xurado sinalara como finalistas. O premio está dotado con 6.000 euros e a publicación nas páxinas de La Voz comezará o primeiro día de agosto.