Un veciño de Bertamiráns gaña a viaxe a Grecia da promoción de «A Gran Historia de Galicia»

La Voz

CULTURA

17 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Antonio Fernández Domínguez recolleu onte o premio que lle permitirá viaxar a Grecia durante unha semana na compaña doutra persoa como convite da promoción de A Gran Historia de Galicia para coñecer o berce das modernas civilizacións occidentais.

O gañador, veciño de O Milladoiro (Ames-A Coruña), é licenciado en Historia e, como tal, un apaixonado por esta disciplina. Funcionario da Xunta en Santiago na actualidade, traballou durante un tempo no Arquivo do Reino de Galicia na Coruña e tomou parte no sorteo co cupón que se entregou aos lectores ao rematar a entrega dos volumes de A Gran Historia de Galicia. A colección acadou un enorme éxito e recoñecemento por ofrecer un percorrido ameno, divulgativo e ao mesmo tempo rigoroso por toda a historia do noso país, desde os primeiros asentamentos humanos deica a actualidade.

Dirixida polos profesores Barreiro Fernández e Ramón Villares e elaborada polos máximos especialistas nos diferentes eidos da historia, a obra chegou aos lectores de La Voz entre o mes de setembro do ano 2007 e o pasado febreiro. Antonio Fernández Domínguez recibiu o premio nun acto que tivo lugar na mañá de onte na sede central da Fundación Caixa Galicia na Coruña, entidade que colaborou no lanzamento da iniciativa. Nese acto estiveron presentes Rafael Sanguino, director de Márketing e Ventas de La Voz de Galicia, e Teresa Porto, directora da fundación.

O gañador, que podía elixir as datas que mellor lle acaesen para realizar a viaxe, decidiu facela coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.