Outros dos eventos que apareceron máis veces foron a emigración, o reinado de Alfonso VII e a lingua galega
27 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A revolta irmandiña encabeza a votación para elixir o fito histórico máis importante de Galicia, unha consulta que se vén desenvolvendo durante os últimos días na páxina web de La Voz. Os internautas que participaron no foro da páxina web www.lavozdegalicia.es consideraron tamén o descubrimento do apóstolo Santiago -e a súa principal consecuencia: a creación do Camiño de Santiago- como outro dos fitos máis importantes acontecidos no país.
O espírito de loita que simboliza e ter sido un feito único na península Ibérica do século XV son algunhas das razóns que esgrimen aqueles que elixiron aos irmandiños como protagonistas máis importantes da historia de Galicia. A tamén denominada guerra irmandiña supuxo o levantamento de varias clases sociais como campesiños, fidalgos e a baixa nobreza contra os grandes señores do país, debido ao xeralizado descontento social existente.
Camiño a Europa
O outro fito preferido polos internautas da web de La Voz xira arredor do descubrimento do corpo do apóstolo Santiago no século IX. Máis alá do acontecemento en si, estes votantes explican a importancia que tivo a formación do Camiño de Santiago, que supuxo, por exemplo, que Galicia tivese unha conexión directa con Europa. Outro evento destacado polos lectores foi o Estatuto de Autonomía de 1981. A súa aprobación permitiu, segundo os internautas, alcanzar importantes metas económicas e sociais, ademais de afianzar a identidade do país.
O fenómeno da emigración tamén ocupa un lugar destacado nas votacións. A importancia da diáspora destácase en diversos aspectos: no económico, posto que foi unha clara mostra do atraso do país, aínda que tamén contribuíu ao seu desenvolvemento; ou tamén no plano humano, posto que os emigrantes aumentaron os lazos emocionais de Galicia cos países de todo o mundo.
Outros dos fitos históricos máis elixidos foron a formación da lingua galega, o reinado de Alfonso VII ou a figura de Prisciliano.