Dona Diáspora comezou o novo ano polas rúas de Avellaneda.
05 ene 2011 . Actualizado a las 11:21 h.Dona Diáspora comezou o novo ano polas rúas de Avellaneda. Quixo aproveitar a mañá na capital arxentina antes de que as fortes temperaturas lle abafen o seu paseo pola avenida Mitre ata a sede social de Independiente, que naceu xustamente neste primeiro día de xaneiro de 1906. Os famosos vermellos naceron ao mesmo tempo que ao seu redor se ían abeirando centos de ilusións galegas. O equipo de fútbol fai que os recén chegados sexan un activo corazón máis no novo país. Aquí na beira sur riopratense desapareceron as friaxes e as familias axiña puideron quecer os ósos e o espírito despois de longos invernos sen horizonte do progreso.
Dona Diáspora vai ata praza principal de Avellaneda para sentarse preto do cruceiro enviado pola Xunta e mirar a fronte dun fermoso edificio de tres andares que simboliza o triunfo dos nosos emigrantes. O Centro Galego de Avellaneda é o máis antigo do país, xa que naceu un 22 de outubro de 1899. O solar no que se edificou a sede social foi mercado un ano antes do nacemento do club de fútbol. Aínda se recorda perfectamente a festa de inauguración en xaneiro de 1927 xa que naquela celebración foi cando escoitou falar dun baile e dunha música que non coñecía. Foi moi ben informada sobre o tango xa que estivo falando con Manuel Andrés Meaños, un fillo da emigración que daquela era un mozo de 25 anos e estaba a piques de rematar a letra do tango La Reja, que logo no ano 1928 foi gravado polo xenial intérprete uruguaio de Tacuarembó, Carlos Gardel.
Naquela praza tivo tempo para reflexionar sobre a incomprensión, a ingratitude e a demagoxia barata dos partidos políticos españois arredor dos emigrantes. Quixera ter ao seu carón aos parlamentarios autonómicos e estatais coa súa vista dirixida ao edificio do Centro Galego. Está convencida de que a maioría dos parlamentarios son xente de fiar. Cre que se visen cos seus ollos o éxito dun pobo non terían a ousadía de menosprezar aos milleiros de corazóns galegos que se encontran na diáspora.
Os maiores albaneis de futuro foron aquelas familias da zona de Avellaneda que se asociaron para que estivese sempre aceso un lume no que sandar o corpo e a alma por medio dos servizos culturais e sanitarios.