O Concello quere poñer unha estatua fronte á Casa da Cultura e pagar os gastos por suscripción popular
28 ene 2009 . Actualizado a las 12:03 h.O Concello de Vimianzo quere renderlle tributo aos emigrantes do municipio.
O alcalde da localidade, Alejandro Rodríguez, daba datos onte sobre o fenómeno da emigración en Vimianzo. Só entre 1942 e 1962 marcharon a Sudamérica e Europa máis de 4.500 vimianceses.
Foi, sen dúbida, a etapa de apoxeo, pero non a única, xa que hoxe en día son moitos os que seguen a marchar, aínda que a maioría o fai ás cidades dentro do territorio nacional.
A todos eles quere o Concello dedicarlles un monumento, asunto que se debaterá no próximo pleno que se celebre na localidade.
A idea, explica o rexedor vimiancés, é facela por suscripción popular. É dicir, nun momento de crise no que as arcas municipais non están precisamente sobradas, contar cos veciños para seguir sacando adiante proxectos municipais.
Por agora pouco se sabe da estatua, salvo o sistema proposto polo goberno local -en minoría no pleno- para pagala e a ubicación da obra de arte. Irá situada, di Rodríguez, fronte á Casa da Cultura.
Sábese outro dato máis: a idea é que o deseño se decida mediante un concurso de ideas e que leve o encargo o mellor proxecto presentado.
Di o rexedor vimiancés que os que se foron a traballar fóra ben merecen un monumento por todos os seus sacrificios.
Podería ser, explica, unha obra de bronce sobre un pedestal de pedra destacando nunha zona verde cerca do novo edificio.
Precedentes
A iniciativa do alcalde de Vimianzo non é a primeira dese tipo que se leva a cabo na comarca.
Outro municipio marcado pola emigración, o de Fisterra, xa se acordou dos seus paisanos que viven fóra hai uns anos.
En 1993, con Fernando Carrillo como alcalde, encargóuselle unha escultura a Agustín Herrán Matorras. A obra, que hoxe pódese ver na zona portuaria de Fisterra, custou daquela 3 millóns de pesetas, e representa a estampa clásica do que deixa a súa terra para buscar vida e traballo fóra.
A imaxe do home coas maletas tamén lle gusta ao alcalde de Vimianzo, pero xa se verá como acaba a historia.
Por agora, di o alcalde, xa hai quen se apunta a poñer cartos para que a iniciativa se converta en bronce. Ou en pedra. Di o alcalde que un vimiancés residente en Arxentina -non da o nome- xa dixo que enviaría 10.000 dólares para sacala adiante. Con algúns máis que se sumen con tanta xenerosidade a escultura está feita. E se son moitos ata pode que chegue para subvencionar o polígono industrial.