A obra de Conroa por fin ve a luz

J. M. Sande MUROS/CORRESPONSAL.

BARBANZA

Foi escrito hai 75 anos, pero o libro de Manuel Tobío Mayo «O frade das dúas almas» non foi presentado ata hai uns días na súa vila natal, Esteiro

28 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A novela O frade das dúas almas, do mestre e escritor esteirán Manuel Tobío Mayo, máis coñecido na súa terra como Conroa , foi publicada pola editorial Galaxia, no marco da colección Letras Galegas, despois de presentala o autor na imprenta, fai xa 75 anos. O editor Anxo Casal tiña a intención de sacala á rúa, na editorial Nós, nos intres nos que a Guerra Civil do anoe 1936 impediu calquera actividade cultural divulgativa. Dende aquela, e pese aos sucesivos intentos do testamentario do manuscrito, Víctor Campio, non foi posible publicar dita obra.

A neta do autor, Ana Tobío, acompañou aos editores da novela, Teresa López e Xoán López Viñas, profesores da Universidade da Coruña, na presentación, un acto que tamén contou coa presenza do alcalde de Muros, Domingos Dosil. Como non podía ser de outro xeito, estiveron presentes varios veciños de Esteiro; de feito, a actividade desenvolveuse na Casa da Sociedade desta localidade.

Historia dos anos trinta

No ano 1936, a obra O frade das dúas almas xa estaba lista para ser publicada. O argumento desta novela xéstase na Galicia dos anos trinta, e nela nárrase a infancia do protagonista, Leliño, e dos seus compañeiros de estudos, Mingos e Manuel. As probas ás que son sometidos os cativos, a súa iniciación amorosa e a crise vital que se manifesta como crise de fe son algúns dos feitos da aprendizaxe vital do protagonista.

A novela ten tamén unha achega importante á cultura popular da época, especialmente a que ten por orixe a comarca muradá, xa que nela aparece unha escolma de cantigas e de costumes e ditos da literatura oral, máis propios doutros xéneros literarios, pero que contribúen á diversificación do discurso narrativo.

Na presentación do traballo literario fixéronse varios comentarios sobre as características lingüísticas e de estilo desta composición, pero os presentes tamén comentaron algúns aspectos vinculados á traxectoria do libro, como que naceu con outro título ou que o autor modificou e corrixiu algunhas partes do mesmo despois de retornar á súa terra natal trala obrigada estadía no exilio.