As mulleres que se viron obrigadas a emigrar recibirán unha homenaxe

La Voz

BARBANZA

No día 8 de marzo esas veciñas que tiveron que marchar a outros países na procura dunha oportunidade laboral narrarán as súas vivencias.

27 feb 2008 . Actualizado a las 17:56 h.

Desde hai catro anos, o Concello de Lousame aproveita a conmemoración do día mundial da muller traballadora para render homenaxe ás veciñas vinculadas con diferentes sectores laborais. Primeiro, foron as profesionais que dedicaron parte da súa vida a extraer e procesar o mineral que se sacaba das explotacións de San Finx as que recibiron un recoñecemento. A segunda edición xirou en torno ás empregadas en empresas forestais. Logo, foron as traballadoras das fábricas de conservas as que se situaron no punto de mira. Nesta ocasión, tócalle ocupar un primeiro plano ás numerosas lousamiás que se viron obrigadas no pasado a ter que emigrar para gañarse o pan.

Moitas foron as habitantes do concello que viviron esa experiencia, segundo sinalou a concelleira de Cultura do municipio, Teresa Villaverde Pais, que comentou que a maioría das mulleres que emigraron optaron por irse a Suíza, Alemaña e Francia.

Longametraxe

A casa da cultura de Portobravo dará cabida o 8 de marzo, ás seis da tarde, á proxección da película Un franco, 14 pesetas . A continuación, empezará un coloquio no que esas veciñas que tiveron que marchar a outros países na procura dunha oportunidade laboral narrarán as súas vivencias e lembrarán como foi o retorno a Galicia.

A concelleira animou a todos os lousamiáns a participar nesta iniciativa e a aportar os graos necesarios para que a igualdade entre sexos deixe de ser unha utopía.