O auditorio pecha o seu ciclo de teatro galego o venres cunha peza musical e libertaria a cargo de Chévere
27 abr 2010 . Actualizado a las 19:19 h.Tito e Fran son dous colegas que veñen de montar o seu propio grupete de punk-rock, chamado Os Dildos. Hoxe teñen que tocar eles dous sós, a guitarra e a batería, pola sinxela razón de que o seu baixista, Luismi, deixou a banda antes mesmo de dar o seu primeiro concerto. Tito é a figura carismática dos Dildos, un guitarra traballado en todo tipo de conflitos e disputas. Fran, á súa vez, é o cerebro da formación punkarra, un baterista atípico que escrebe coa mesma contundencia coa que golpea caixa, bombos e timbais.
Esta é, en grandes liñas, a sinopse argumental de Testosterona , a montaxe coa que o auditorio de Vilagarcía despide, o venres, o ciclo de primavera dedicado ao teatro galego. Trátase dunha peza producida pola compañía Chévere e a sala Nasa, referente do universo cultural compostelá. Testosterona é unha obra na que a música intervén cun peso importante. Mais tamén unha chamada libertaria, unha proposta que cuestiona a división normativa da sociedade en dous sexos e que fala da posibilidade dun xénero de código aberto, mudable e flexible. Ciencia, hormonas, leis, armarios, tan de moda, tan de entrar e saír, tecnoloxía, educación, natureza, industria, cultura, capital, rock and roll, política. Todo se mestura e confabula para artellar esta peculiar ditadura sexual que, sostén o transfundo argumental da peza, segue a nos dominar.
A propia compañía explica que a súa montaxe supón «un exorcismo emancipatorio e teatral que se serve tanto da música en directo, a performance , o transformismo, a comedia, o naturalismo ou o vídeo, coma do silencio, a pouca luz ou a simple blasfemia». Todo, sen renunciar ao humor, a irreverencia e a complicidade co público que constitúen os elementos definitorios do teatro de Chévere. A música en directo, o travestismo e o vídeo interveñen, efectivamente, para achegar ao público as liñas de pensamento sobre o cuestionamento da identidade sexual.
O venres, a partir das nove da noite, o público vilagarcián ten, pois, a posibilidade de gozar de novo da arte desta compañía que atesoura xa vinte a nos de traxectoria. Ao longo deste tempo, Chévere converteuse nun dos grupos máis dinámicos e populares de Galicia, sorprendendo non só polo seu sentido do humor, senón tamén por unha estética e un estilo propios e recoñecibles. A dirección de Testosterona correspóndelle a Xesús Ron. Patricia de Lorenzo e Natalia Outeiro Pajarito compoñen o elenco desta peza, á que Xacobe Martínez Antelo pon música en directo. O prezo das entradas é de 6 euros na zona A; 5 euros na zona B; e 4 euros na zona C. E bo proveito.