La Voz de Galicia

José Manuel Pequeño: «Procuramos talento literario e visibilizar a relevancia do Vákner»

Dumbría

PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ ALCALDE DE DUMBRÍA

ENTREVISTA | O Concello dumbriés, do que é alcalde, patrocina dous certames promovidos por La Voz e Radio Voz, un para adultos e outro para escolares

13 Feb 2022. Actualizado a las 05:00 h.

La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio do Concello de Dumbría e a Deputación da Coruña, teñen convocadas a primeira edición do certame literario Territorio Vákner para adultos e a segunda do concurso escolar Contos de terror no Camiño. O prazo remata o 28 de febreiro. Son dúas iniciativas culturais que teñen moito máis detrás: José Manuel Pequeño (1955), alcalde de Dumbría dende o 1983, fala de vocación comarcal e potenciación da Costa da Morte, de fixar o Camiño ao territorio, dunha procura de oportunidades e dun futuro que, dende logo, vai nunha dirección moi diferente á eliminación de servizos básicos. Di isto amosando o seu total apoio á manifestación para reclamar pediatras e matronas levada a cabo onte en Muxía, á que lle foi imposible acudir. Agradece doutro lado a La Voz e Radio Voz o impulso dos certames e agarda que este 2022 sexa o ano de resucitar (por segunda vez, ben se podería dicir así) á criatura do Vákner e a todo o que pode traer para a zona.

—Dumbría, Territorio Vákner. Ata o dí no seu estado de WhatsApp.

—Logo do enriquecedor encontro internacional do Vákner, en outubro do 2019, a pandemia cortounos todo aquel acontecemento. É nese contexto no que tamén xorde a primeira edición do certame Territorio Vákner. Contos de misterio no Camiño (2020), no que chega ademais a canción dedicada ao Vákner no disco Vieiras e vieiros de Luar na Lubre... Seguimos traballando agora, estamos intentando recuperar a historia vinculada ao Camiño. Se a pandemia nos deixa, queremos que o 2022 sexa o ano do Vákner.

—Un primeiro certame que tivo boa acollida nos centros.

—Noventa traballos que chegaron dende colexios ao longo de todo o Camiño de Fisterra, dende Santiago. A idea é divulgar o Vákner, a ruta, ademais de por suposto contribuír a fomentar as calidades literarias, descubrir talentos, espertar a imaxinación... Neste 2022 abrimos o concurso escolar tamén á ESO, e ademais dáselle á iniciativa unha dimensión máis ampla ao impulsar un certame de relatos para adultos.

—Falamos de Territorio Vákner como un proxecto que é cultura, turismo e tamén economía.

—Exacto, un traballo a todos eses niveis, unha promoción do Territorio Vákner, pero non só de Dumbría, senón da comarca. Este 2022 queremos que sexa clave, empezamos con estes certames e, esperemos que para a primavera, poidamos levantar a escultura do monstro xa nos montes de Dumbría, unha obra de Cándido Pazos. Prevemos que haxa algunha outra sorpresa. Ademais desa promoción da ruta e do talento literario, incido sempre en que o obxectivo último é achegar o Camiño aos habitantes daqueles lugares polos que discorre, que o fagan seu, e os rapaces niso son esenciais. Para ser hospitalarios precisamos saber o que temos, e para min é fundamental que os veciños vivan o Camiño, que sexan os primeiros en facelo. Fixar o Camiño ao territorio: dígoo sempre. O Camiño é devocion, fe, unha realidade persoal, pero tamén son historias, o boca a boca dos peregrinos, a mitoloxía... O peregrino vén buscando unha limpeza espiritual e física, e nós temos que ser capaces de promocionar o noso Camiño, con ese plus a maiores de chegar ao fin do mundo, ao faro de Fisterra...

—A escultura xa a teñen?

—Si, e gardada nunha xaula, para que non escape... [ri].

Recreación do VáknerCÁNDIDO PAZOS

—Un monstro ao que estes certames queren dárlle unha dimensión literaria, procurando aumentar as manifestacións en torno ao Camiño ao longo da historia.

—Animo a todos a coñecer a convocatoria, a ver as condicións. Porque si, ademais da procura de talentos literarios, a través deles queremos facer visible a relevancia deste feito histórico do Vákner, co que se atopou nos montes de Dumbría o bispo armenio Mártiros de Arzendján no 1493. Armenia foi dos primeiros países do mundo en adoptar o cristianismo, ao comezo das peregrinacións moitos peregrinos eran armenios. Hai moitos feitos, e moitísima documentación, xa dende o Códice Calixtino, que sustenta a cultura xacobea do Camiño a Fisterra. Isto para nós é moi importante.

—Patrimonio inmaterial.

—O Camiño non é só patrimonio material, certo, tamén hai esta parte inmaterial, todas as historias que se foron contando e contarán. E nós temos que estar sempre en activo, dende aquel 2019 no que xa se titulaba que Dumbría resucitaba ao monstro. Unha vez resucitado, temos que mantelo vivo. O potencial é grande.

—Xa fóra do Vákner, que agarda do 2022 para o seu municipio?

—Faría relevancia en que Dumbría sempre actuou coa vontade de atraer á xente, non xa só ao noso concello, senón a toda a Costa da Morte. Usamos dous vehículos, dándolle a máxima proxección: o Camiño e o deporte. Con respecto á ruta, os datos está aí. O 60 % dos peregrinos que chegan a Santiago son nacionais e, o 40 %, estranxeiros. Mais non é casualidade que os que continúan a Fisterra cambien esas porcentaxes: 60 % estranxeiros e 40 % nacionais. Hai algo no noso Camiño, estas cifras dinnos que o Camiño a Fisterra ten unha fortaleza moi grande a nivel internacional. Polos albergues de Olveiroa pasan 6.000 peregrinos ao ano, polo de Dumbría 3.000: que hotel non querería esa ocupación? O municipio ten hoxe oito albergues, dous públicos e seis privados. Falamos dun importante movemento a nivel turístico e económico.

—E en canto ao deporte?

—Cidades e territorios xeran eventos para atraer público e, en Dumbría, dende a nosa humildade, fomos quen de impulsar grandes citas deportivas. Fixemos do Ézaro un gran icono ciclista, aí está La Vuelta ou o Gran Fondo Ézaro, xeramos campionatos de pesca internacionais, estatais de augas bravas, de vólei praia... O Ézaro acollerá o 4 de setembro unha proba nacional de travesías, natación... Non hai que esquecer, de forma máis inminente, o Gran Camiño deste vindeiro 25 de febreiro. Todo isto é achegar xente. Hai establecementos que, para ese 4 de setembro, xa teñen todo ocupado. A veces nin temos infraestrutura suficiente para dar cabida a todo ese fluxo. Está claro que hai unha inversión pública e privada moi forte e que hai que atendela. O canal de augas bravas, precisamente, permitiríanos xerar movementos en épocas máis baixas de turismo, para que os negocios non deban pechar, tendo un espazo no que practicar piragüismo todo o ano. Diversificar, facer a tempada máis longa.


Comentar