—Xa fóra do Vákner, que agarda do 2022 para o seu municipio?
—Faría relevancia en que Dumbría sempre actuou coa vontade de atraer á xente, non xa só ao noso concello, senón a toda a Costa da Morte. Usamos dous vehículos, dándolle a máxima proxección: o Camiño e o deporte. Con respecto á ruta, os datos está aí. O 60 % dos peregrinos que chegan a Santiago son nacionais e, o 40 %, estranxeiros. Mais non é casualidade que os que continúan a Fisterra cambien esas porcentaxes: 60 % estranxeiros e 40 % nacionais. Hai algo no noso Camiño, estas cifras dinnos que o Camiño a Fisterra ten unha fortaleza moi grande a nivel internacional. Polos albergues de Olveiroa pasan 6.000 peregrinos ao ano, polo de Dumbría 3.000: que hotel non querería esa ocupación? O municipio ten hoxe oito albergues, dous públicos e seis privados. Falamos dun importante movemento a nivel turístico e económico.
—E en canto ao deporte?
—Cidades e territorios xeran eventos para atraer público e, en Dumbría, dende a nosa humildade, fomos quen de impulsar grandes citas deportivas. Fixemos do Ézaro un gran icono ciclista, aí está La Vuelta ou o Gran Fondo Ézaro, xeramos campionatos de pesca internacionais, estatais de augas bravas, de vólei praia... O Ézaro acollerá o 4 de setembro unha proba nacional de travesías, natación... Non hai que esquecer, de forma máis inminente, o Gran Camiño deste vindeiro 25 de febreiro. Todo isto é achegar xente. Hai establecementos que, para ese 4 de setembro, xa teñen todo ocupado. A veces nin temos infraestrutura suficiente para dar cabida a todo ese fluxo. Está claro que hai unha inversión pública e privada moi forte e que hai que atendela. O canal de augas bravas, precisamente, permitiríanos xerar movementos en épocas máis baixas de turismo, para que os negocios non deban pechar, tendo un espazo no que practicar piragüismo todo o ano. Diversificar, facer a tempada máis longa.