A TVG volve a apostar polo humor e programa «Con perdón» para o verán

REDACCIÓN A CORUÑA

TELEVISIÓN

Cámaras ocultas, entrevistas impertinentes e famosos enganados son as claves do novo espacio A Televisión de Galicia estrea esta noite, ó carón das 21.45 horas, o programa de humor «Con perdón», da man de Sonia López e Manel Loureiro. Nesta primeira emisión, contarase coa presencia de convidados moi especiais, como Luís Zahera «Petróleo», así como con Jesús Vázquez e outras caras moi coñecidas da Televisión de Galicia. «Con perdón» volve deste xeito a TVG, coa súa liña humorística. Técnicos buscando actores de urxencia para unha serie, cámaras ocultas e entrevistas imposibles son o sal do programa.

26 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Petróleo abandona durante 90 minutos as súas Mareas Vivas para tentar se-lo presentador suplente nesta nova sección do programa. Tentar... vaino tentar, pero o director do programa, don Antonio, non as ten todas con el... Para botarlle máis leña ó lume, o particular rexedor, Renato, meterase polo medio das absurdas situacións xeradas ó longo do programa. Mentres, unha improvisada gravación dunha serie de televisión -gravada nunha rúa compostelá- precisará con toda urxencia un actor de emerxencia , e nada mellor que «propoñerllo ós transeúntes» que pasan polo improvisado escenario . ¿Cómo reaccionará a xente? Haberá que velo, porque os actores e actrices -sobradamente coñecidos polos espectadores da TVG- que gravan as secuencias da teleserie, non llo van poñer moi fácil. Tamén se poderá ver outra absurda situación: ¿qué garda o sombreiro que suxeitan os transeúntes, apoiados na parede? ¿Será realmente un paxaro? ¿Non será outra das bromas do Con perdón ? Pero os motivos de riso non rematan aí. Veremos tamén a patinadora que precisa da axuda da xente para repartir paquetes nos coches dun aparcadoiro porque non é moi experta. Por se todo isto fose pouco, aínda queda a entrevista indiscreta que Nuria Sáinz lle fixo ó presentador ferrolán Jesús Vázquez, que non dubidou en amosa-la súa faciana de máis carácter e enfurruñamento mentres a suposta entrevistadora o ía sacando de quicio.