O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, avogou onte en Santiago por «buscar novos espazos sociais e profesionais para a lingua galega» e apelou ás instancias políticas para que «arbitren medidas legais» que poñan en pé de igualdade ao galego co castelán. «De non ser así -dixo-o principio de igualdade establecido pola Constitución española non será tal».
O fiscal superior presidiu no pazo de Fonseca o capítulo anual da Irmandade Xurídica Galega, da que é Irmandiño Maior. Na sesión presentouse o libro Daniel García Ramos. A reafirmación en nós mesmos, co que se lle rende homenaxe ao maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, falecido hai dez anos, que destacou pola defensa da lingua en todos os ámbitos da vida social. Tamén se lle impuxo a insignia de ouro ao notario de Lalín Victorino Gutiérrez Aller, «exemplo de galeguidade consciente», señaló Varela.
A Irmandade Xurídica Galega aposta por alentar o proceso de extensión do uso do idioma galego desde a perspectiva do rigor científico na aplicación do dereito.