«Espero que os meus amigos do PP aos que lle gusta a miña candidatura o fagan público»
SANTIAGO CIUDAD
Carlos Aymerich xa fixo público o seu apoio a Fernández Prieto. ¿Como o valora el?
-Magnificamente, no meu Facebook teño máis adhesións dese tipo e espero que os colegas e amigos do PP aos que tamén lles gusta a miña candidatura o fagan público canto antes. Son profesores da Universidade e amigos que agora son deputados e penso que é bo para a Universidade que a sociedade e os responsables políticos se preocupen polo nosos futuro.
-¿Vai obviar a aquelas facultades nos que o resultado sexa desfavorable?
-Tratareinas exactamente igual que as demais. O sectarismo non é o meu estilo, por moito que arraigara na cultura política da USC.
-¿Que propostas ten en materia de internacionalización para a Universidade?
-Temos un amplo programa neste terreo. Aquí está unha das chaves do futuro da USC: adaptarse axiña a que xa é unha universidade internacional, como indican os datos. As medidas resúmense en lograr ser a primeira universidade do estado en garantir que todos os seus estudantes pasen un cuadrimestre noutra universidade ao longo do seu período de formación. Temos os medios e as condicións para facelo E farémolo realidade no segundo ano de mandato.