«A miña produción pasa polos proxectos de escultura monumental»

C. P. SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

08 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O escultor Armando Martínez (Covelo, 1956) presenta as súas última pezas nunha exposición inaugurada onte na galería José Lorenzo, onde permanecerá aberta ata o 7 de xuño. Son quince esculturas feitas no seu obradoiro de Combarro en mármore, cristal de calcita, bronce e granito, das que a de maior tamaño mide un metro de alto e dez centímetros de grosor.

-¿Non é a pedra a materia fundamental do seu traballo?

-Si, pero tamén traballo con outros materiais, sobre todo mármore, cristal de estalactitas e basalto. Houbo un tempo, nos meus inicios, no que facía escultura en madeira, pero como sempre era complexo atopar madeira ben seca, optei pola pedra de distintas calidades.

-¿Hai mercado para a escultura?

-A miña produción pasa polos proxectos monumentais, por encargos de obra pública e privada, mesmo para algún persoeiro que era presidente dun goberno. Dende os 90 levo feitas 42 obras monumentais, a última en Portugal, un conxunto de máis de 175 toneladas no que traballan comigo tres escultores lusos. Eu só fun asalariado unha vez na vida, e dende hai 35 anos vivo do meu propio traballo.

-¿Dedícase menos a facer obra para exposicións?

-Non, porque fago unha media de catro ou cinco exposicións ao ano, e levo feitas máis de 140 ao longo da miña traxectoria. Trátase de vender, e de facelo a prezos asequibles.