A feira de cada un contada por todos para coñecer a lingua

SANTIAGO

Estudantes do Xelmírez II aprenden o galego vivo nos mercados da cidade

15 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Conta o proverbio que cada quen fala da feira segundo lle vai nela. E o alumnado de cuarto de secundaria do Xelmírez II ben que o comprobou onte no mercado de Amio, onde entrevistaron tratantes, e os outros feirantes, para recoñecer as diferentes variedades da lingua e coñecer as actividades deste importante acontecemento gandeiro.

Foi unha visita de estudos e serviu para que moitos alumnos e alumnas acudisen por vez primeira a Amio. «Tomaron contacto directo cunha das actividades máis tradicionais da nosa economía, a gandaría. Preguntaron sobre a forma de traballar xa nas granxas xa no mercado, sobre a aprendizaxe deste oficio, sobre a oscilación dos prezos, sobre o traballo cos animais ou como afecta a crise económica a este sector», explica Felicia Estévez, a docente de lingua que os acompañou na singular aventura.

Agora, «coas respostas gravadas realizarán un traballo para recoñecer o lugar de procedencia da persoa entrevistada», acrecenta a profesora. Deberán identificar a gheada, o seseo, as diferentes formas do plural, e outros fenómenos que se dan na realización viva do noso idioma.

Praza de Abastos

Estiveron unha hora en Amio, e utilizaron diversos métodos para facer as gravacións, mesmo aparellos de telefonía celular. No camiño de volta para o centro, o alumnado comentaba as súas conclusións, como que é unha profesión moi ligada á herdanza familiar, que se vai pasando de pais a fillos. Non faltaron as apreciacións de xénero: son homes maioritariamente os que acoden á feira cos animais, aínda que as mulleres participen no traballo da granxa. E tamén comprobaron como a produción de alimentos se trata dun traballo bastante duro.

A próxima semana o centro organiza unha actividade semellante, aínda que para receptores diferentes: será para o alumnado de segundo curso da secundaria, que acudirá ao mercado de abastos para ver o seu funcionamento. «É curioso que sendo rapaces e raparigas de barrios de Santiago boa parte non coñezan ese mercado, que é un dos lugares da nosa cidade máis visitado por turistas», indica Felicia Estévez.

Son dúas maneiras diferentes de aprender, a través do contacto directo e o traballo posterior: «Este tipo de actividades resulta máis atractivo que a rutina da aula», afirma a profesora.