«A guerra non se gañou, pero si a batalla de maio do 68»

Leal Coello

SANTIAGO

Gurriarán mostra en Inmunda Escoria un traballo de investigación centrado en arquivos e 120 entrevistas

06 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Baixo o encargo da Fundación 10 de Marzo, Ricardo Gurriarán presentará mañá o seu traballo Inmunda Escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968, froito dunha investigación desenvolvida durante tres anos. O titular reflicte a maneira en que un xornal da época denominou aos estudantes que se uniron ás mobilizacións que nese momento salpicaban o resto do mundo, e que se adelantaron na capital compostelá.

-¿É certo que o maio francés foi o marzo compostelán?

-Si, as revoltas aquí comezaron antes. Hai que entender que todos os grandes acontecementos foron naquel ano. Foi un momento de emancipación da xuventude; trataron de romper co poder académico e familiar. Había unha gran censura, e os rapaces querían ir máis alá.

-Nun momento de ditadura, non se esixiría a caída do imperialismo, como ocorrera en Francia...

-A guerra do Vietnam, a morte do Ché, a gescolonización, todo tiña un influxo importante, pero aquí o primeiro motivo foi a prohibición do uso dos locais por parte dos representantes dos alumnos, aínda que tamén se esixía que houbera algo máis que a figura do delegado e o subdelegado estritamente. Nalgunhas facultades o poder rebelouse dicindo que as demandas dos alumnos eran ilegais.

-¿Como comezaron as revoltas en Santiago?

-Os estudantes están facendo asembleas, e certas facultades impiden as reunións e descualifican a elección democrática dos representantes. Nunha gran asemblea irrompe o decano de Ciencias, o que provoca unha gran resposta que leva a catro estudantes fronte a Tribunal de Orden Público. Isto fai tambalear as estruturas académicas porque os alumnos manteñen unha folga de dous meses na que participaron preto de 4.500, e, segundo a policía, encérranse máis de setecentos no edificio central da Universidade durante tres días e tres noites. A folga tivo moito impacto na cidade; todo o mundo soubo que os estudantes de Santiago están pechados.

-¿Foi só un movemento estudantil ou tamén obreiro?

-Houbo solidariedade dos sectores profesionais, mesmo da Igrexa máis progresista e naquel momento léronse homilías a favor da negociación.

-¿Cal foi a reacción dos órganos franquistas?

-Ao ano seguinte houbo un novo reitor, García Garrido, que apretou máis as cordas. Descabezaron o movemento estudantil, denegaron os permisos para reunións e prohibiron as eleccións dos órganos.

-¿Os estudantes conseguiron algo?

-A guerra no se gañou, pero si aquela batalla de maio do 68. Os manifestantes acadaron as súas reivindicacións: suspenderon as sancións, conseguiron os locais e lles devolveron os cartos da matrícula.