A biblioteca municipal de Melide acollerá mañá, a partires das oito da tarde, un acto aberto ao público no que se pulsará o estado de saúde do idioma galego dende diferentes ópticas. O Servizo de Normalización Lingüística e Cultural da Terra de Melide, integrado polos gabinetes de normalización da lingua dos concellos e dos centros de ensino de Melide, Santiso e Toques, organiza a xornada, na que se presentará a publicación 55 mentiras sobre a lingua galega.
A presentación do libro, impulsada pola plataforma en defensa do galego ProLingua e coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas, servirá para abrir un debate sobre as valoracións e interpretacións pexorativas sobre a lingua da comunidade e para expoñer as pautas que recolle a publicación co propósito de axudar á sociedade galega a comprender e a superar eses xuízos de valor.
Outra das liñas de debate que propón o acto abrirase en torno ao polémico borrador do decreto do galego impulsado polo Goberno da Xunta. A coordinadora do consello directivo da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística, Valentina Formoso; o escritor Xosé Vázquez Pintor, natural da vila melidá; Xosé Luís Santiso, blogueiro e bancario; e a xornalista Vanessa Martínez, veciña de Santiso, serán os protagonistas das intervencións e debates.