Un ano despois da súa presentación, o dúo de frauta e piano que forman Luís Soto e Diego García intervén no festival Via Stellae. Ofrece un concerto á unha do mediodía de hoxe no CGAC, dentro do programa 20/21, dedicado á música contemporánea, clásicos do século XX e á música clásica galega contemporánea.
Formar parte da programación do Via Stellae ten unha relevancia grande para esta formación compostelá. «Chegamos no momento xusto, porque nacemos no seo deste festival porque o seu director, José Víctor Carou, entendeu o noso proxecto e abriunos as portas», considera Soto, frautista da Real Filharmonía e fillo dunha familia de músicos de Guláns, polo que se iniciou na música na famosa e popular banda desta localidade pontevedresa. O programa que ofrecen hoxe inclúe as estreas absolutas dunha obra de Julio Montero, After LutosBrahmski , e de Seis preludios para frauta e piano de Paulino Pereiro, así como a Sonata para frauta e piano de Octavio Vázquez.
Luís Soto comparte co pianista e director de orquestra Diego García algo máis ca un dúo. Xuntos botaron a andar o proxecto Galicia XXI, que persiste no obxectivo de recompilar un repertorio para frauta e piano de compositores galegos e, o que é máis importante, que se editen as partituras, «que as obras dos nosos compositores estean en papel, se non é un atraso secular e resulta imposible coñecelas, tocalas e dalas a coñecer».
A batalla non é doada. Intentárono coa Consellería de Cultura do bipartito e andan na procura de que os reciba o actual conselleiro para propoñerlle que se tomen iniciativas como a de difundir ás obras de compositores galegas na radio e na televisión públicas, «con ciclos específicos». E aínda máis, que nos conservatorios superiores de música «se inclúa a obriga de coñecer aos nosos compositores, porque resulta insólito que nos temarios non existe a música de autores nosos, cando os temos e ademais moi bos».
O repertorio para frauta e piano de compositores galegos que existe non é suficiente. Por iso ten sentido recuperar o que hai escrito, como as doce pezas para frauta de Julio Montes, das que dez están sen estrear. E promover que os novos compositores escriban para estes instrumentos. E iso xa está sucedendo, «porque dende que naceu Galicia XXI, tamén naceu o entusiasmo entre autores novos, que ven así a posibilidade de que as súas obras se interpreten, e neste ano nós estreamos dez obras que compuxeron por mor na existencia da nosa formación».
Soto asegura que non fan bolos. «Creamos o dúo porque amamos a música e porque queremos intentar que os nosos obxectivos beneficien á música galega no seu conxunto. Na procura de recuperar partituras inéditas ou descoñecidas, este músico traballa sobre un autor que fixo carreira na Arxentina, pero do que en Galicia se sabe pouco ou nada. Trátase de Carlos López Picos, «o decano dos compositores galegos, porque anda polos 90 anos, sobre o que ando argallando algo».
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios