A APDR alerta aos centros do perigo da implantación da conexión por Wi-Fi

Chelo Lago PONTEVEDRA/LA VOZ.

PONTEVEDRA

A Asociación Pola Defensa da Ría, APDR, ven de presentar unha campaña que baixo o título de Nas aulas: Conexión a Internet... mellor por cable que por ))) Wi-Fi, quere denunciar a contaminación electromagnética a que están sometidos os estudantes no programa de informatización Abalar implantado pola Xunta, que utiliza o Wi-Fi, aínda que moitos centros xa tiñan a instalación do cableado, que agora non se utilizará. O colectivo ecoloxista rexeita o Proxecto Abalar non pola utilización dos ordenadores, senón exclusivamente polas consecuencias para a saúde do alumnado, que coa conexión sen fíos «veríase exposto de cotiá a contaminación electromagnética das radiacións de microondas ao longo de toda a xornada lectiva, cos consecuentes efectos acumulativos». Lembra a devandita asociación que varios especialistas e investigadores están a alertar dos perigos da contaminación electromagnética en persoas sensibles, especialmente en nenos, e que mesmo unha resolución do Parlamento Europeo fai unha chamada a limitar e minimizar esas emisións, especialmente en grupos de risco como a infancia e a mocidade. Os responsables da APDR incidiron en que a conexión a Internet mediante a instalación de redes de cableado de cobre ou fibra óptica, «como recomendase dende distintas institucións e administracións, como o Ministerio Alemán Federal de Medio Ambiente, non exporía ao alumnado nin traballadores ás radiacións das redes inalámbricas, e ademais proporcionaría mellor cobertura e evitaría os problemas de interferencias e de seguridade da información propias do Wi-Fi. Tamén subliñou as chamadas de alerta que dende a comunidade científica internacional se están a facer sobre os riscos potenciais das radiacións, e as resolucións de diversos organismos sobre o principio de cautela, que para a APDR non se cumpre no Programa Abalar. A APDR enviou información aos centros escolares da comarca, consellos escolares e as asociacións de pais e nais, e está a espera de manter unha reunión coa Fanpa para tratar do tema. Trataríase de estudar como compatibilizar o acceso flexible do alumnado á informatización coa protección da saúde. Para elo, solicitaríase a Educación un informe técnico sobre os efectos e riscos que pode causar a conexión por Wi-Fi ou evidencia científica irrefutable sobre a inocuidade dese sistema inalámbrico.