O Concello creará unha bolsa de emprego para os veciños e asesorará aos emprendedores para fixar poboación
28 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Rafael Pérez Vázquez non é un alcalde corrente. Accedeu ao cargo nunha polémica sesión na que o PP votou a un candidato nacionalista para pechar o paso ao exalcalde popular Francisco José Montesinos, agora enfrontado aos seus antigos compañeiros. Nas escasas semanas que leva exercendo fuxe das declaracións e promesas que nunca pasarán de ser titulares. Prefire a realidade cotiá e as pequenas accións.
-¿Cales serán as primeiras accións a desenvolver como alcalde?
-O prioritario é reprantexarse os gastos para afrontar a delicada situación económica que vivimos. Suprimíronse as axudas para as festas, que se lle daban a tódolos pobos, e os pagos do Concello, agás que sexan dietas ou gastos por viaxe, para facer algunha xestión, e estean debidamente xustificados.
-¿Tan mal está a cousa?
-Temos débedas pendentes con Fenosa, co servizo de recollida de lixo e algunhas máis. Daquela o máis urxente é tentar aforrar o máis posible para cadrar as contas. Tamén imos aprobar nos próximos días as ordenanzas do prezo da auga, que ata o de agora non se pagaba e hai problemas de abuso no consumo, do uso da desbrozadora do Concello para limpezas e outros conceptos.
-¿Daquela non contan con ningún proxecto de obras para estes próximos catro anos?
-Ademais dos plans provinciais hai un proxecto que foi adxudicado a Tragsa para construir tres áreas recreativas no municipio. Será un investimento de 280.000 euros e estou á espera de coñecer os proxectos.
-¿Nun pobo pequeno como se fai para fixar poboación?
-Nós imos aproveitar os escasos recursos que temos para crear unha bolsa de emprego para que a xente do pobo poda acceder aos empregos que vaian saindo. Tamén imos asesorar aos veciños para impulsar os seus propios proxectos e se hai xente que queira facerse emprendedor miraremos de apoialo para conseguir axudas e subvencións para apoiar o seu proxecto.
-¿Que opinión lle merece a fusión de concellos?
-Para mellorar servizos terá que pasar moito tempo, pola crise actual, e o da fusión é un globo sonda que sae de cando en vez para que a xente o vaia asimilando. Con todo dubido que sexan mellores os servizos que se prestan dende máis lonxe.
rafael pérez vázquez alcalde de A mezquita
Rafael Pérez Vázquez naceu en 1968 en A Mezquita.
É autónomo e traballa no sector do transporte, como taxista de xeito habitual e tamén na empresa de autobuses da familia.
Leva dous mandatos na corporación de A Mezquita. Estivo na oposición os catro primeiros anos e foi tenente alcalde durante o pasado mandato. Non cobra por adicación ao cargo.